O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá no Concello a Xornada técnica sobre regras de xogo e a súa aplicación, “Falemos de fútbol”. O edil narones estivo acompañado polo vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Juan Villamisar e o delegado en Ferrolterra da citada Federación, Manuel Mesa; o director da Escola de Adestradores da RFGF, Iván Cancela, e o delegado da Escola de Adestradores na delegación de Ferrol, Manuel García. A iniciativa consistirá nunha xornada técnica inicial a cargo de profesionais do fútbol e, a continuación, unha mesa redonda aberta a adestradores, árbitros, directivos e adestradores. O Comité Galego de Adestradores e o Comité de Árbitros impulsan esta iniciativa, que se levará a cabo en tres xornadas e de xeito simultáneo en todas as delegacións federativas.
Oreona explicou que a convocatoria desenvolverase os días 16, 23 e 30 de setembro, ás 20.00 horas, nas instalacións do Auditorio municipal, na Praza de Galicia. O primeiro día abordarase o fútbol 11, o segundo o fútbol sala e o último fútbol 8, tal e como indicou. En primeiro lugar un árbitro explicará a actualización da regulamentación e a aplicación das normas na competición para, a continuación, dar paso a unha mesa aberta para árbitros, adestradores, directivos e xogadores, con profesionais da zona representados nesa mesa, tal e como se avanzou dende a organización e na que se solventarán as posibles dúbidas que plantexen os asistentes.
Mesa agradeceu ao Concello de Narón “todas as atencións que ten coa Real Federación Galega de Fútbol e á Escola de Adestradores que nos dea a oportunidade de preparar aos adestradores, á nosa xente, coas novas modificacións regulamentarias”. Así mesmo, amosou a súa confianza en que a convocatoria “sexa un éxito e a xente poida coller as bases destes cambios”.
Pola súa banda, Juan Villamisar valorou tamén o respaldo do Concello naronés coa RFGF, destacando a súa aposta polo deporte en xeral e o fútbol en particular, e incidindo na importancia de que estas xornadas, orientadas a este deporte específico, sexan un éxito.
O presidente do Comité Galego de Adestradores, Iván Cancela, recalcou a aposta do Concello “pola formación e por amosar en todo momento a súa predisposición para organizar este tipo de actos, polo que tanto a Escola como a RFGF estamos á súa disposición” e incidiu na implicación dos representantes da RFGF neste evento. A continuación, Manuel García, da Escola de Adestradores, asegurou que “trataremos de botar unha man para continuar medrando e contribuír a que este tipo de xornadas sirvan para poñer en común as novas normas, polo que estaremos a disposición para tratar de sacar o maior partido a estas xornadas”.
O concelleiro de Deportes agradeceu á Real Federación Galega de Fútbol o feito de que apostase por Narón para desenvolver esta iniciativa na cidade e animou ao colectivo a continuar traballando na mesma liña.