A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou na mañá deste mércores dous novos convenios de colaboración do Concello coa presidenta da asociación Asotrame, Cristina Piñeiro, e José Díaz Dopico, en representación da Fundación Terra de Trasancos. Na sinatura do primeiro dos convenios estivo tamén o edil de Sanidade, Santiago Galego, se ben no segundo estivo acompañando á alcaldesa a concelleira de Benestar Social, Catalina García. O importe conxunto de ambos convenios ascende a 23.000 euros.
A Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea (Asotrame) manterá o compromiso de colaboración do goberno local para desenvolver unha serie de programas e actividades que nos últimos anos, en base a esta colaboración, se levan a cabo no municipio. “Asotrame e a saúde: ioga para pacientes e expacientes oncolóxicos e familiares” é unha das iniciativas impulsadas a través do acordo entre o Concello e a asociación e na que participan, de balde, veciñas e veciños da cidade. Trátase dunha actividade de interese social, de carácter singular e que se desenvolverá, así como a colaboración con outros eventos municipais, ata finais deste ano. Cristina Piñeiro explicou que este ano, a diferencia dos anteriores, a asociación decidiu aprazar a celebración da Carreira Solidaria Asotrame (que este ano celebraría a súa quinta edición), ao coincidir na data prevista inicialmente, o 22 de setembro, coa Carreira da Muller que terá lugar na Coruña.
En canto ao acordo asinado coa Fundación Terra de Trasancos, do Val, en base a este convenio tamén se dará continuidade a programas informativos e de orientación, así como actividades de promoción social dirixidas a persoas maiores. Entre estas últimas destacan os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva, ximnasia terapéutica, informática e internet, aeróbic terapéutico, coredance e psicomotricidade, coordinados dende o Servizo Sociocomunitario Municipal.
Os representantes de Asotrame e da Fundación Terra de Trasancos agradeceron a colaboración do Concello de Narón, ao manter estes convenios de colaboración para desenvolver parte das súas actividades e programas con veciños e veciñas da cidade.
Así mesmo, a alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu o labor que realizan ao longo do ano con diferentes colectivos sociais e animou aos representantes destas entidades a continuar traballando na mesma liña para ofrecer os seus servizos ás naronesas e naroneses, “para o que sempre contarán co respaldo do equipo de goberno desta cidade”.