Presentadas en Narón as actividades que se programaron nas que participarán os menores procedentes do Sahara e Chernóbil

Os concelleiros naroneses de Deportes, José Oreona, e Benestar Social, Catalina García, presentaron na mañá deste mércores as actividades que se programaron para a vindeira semana e nas que participarán os menores procedentes do Sahara e Chernóbil que pasan o verán con familias de acollida da cidade. No acto estiveron tamén presentes Miguel Souto, presidente do Club de Atletismo Narón, e Jorge Prado, tesoureiro do club NHD Adventure, donde se desenvolverán unha serie de actividades, a maiores doutra visita tamén programada co colectivo á Confraría de Barallobre.

A primeira das citas programadas será o vindeiro mércores, 7 de agosto, ás instalacións do Club de Atletismo Narón. O presidente da entidade explicou que os nenos e nenas permanecerán nas instalacións de 11.00 a 13.00 horas, un período no que terán a oportunidade de coñecelas e tamén de desfrutar das
diferentes disciplinas deportivas. Así mesmo, Souto avanzou que os nenos e nenas recibirán como agasallo material deportivo. O presidente do Club de Atletismo Narón valorou esta iniciativa do Concello e agradeceu tamén a colaboración prestada dende a Fundación Racing de Ferrol e o club Baxi
Universitario, dúas entidades de referencia do fútbol e o baloncesto feminino, respectivamente, que doaron agasallos para os menores.

O xoves 8 de agosto terá lugar a visita ás instalacións da Confraría de Barallobre, tamén entre as 11.00 e as 13.00 horas, donde os nenos e nenas visitarán o acuario alí instalado e donde poderán ver diferentes especies da ría.
A maiores, tamén se lles explicará o proceso de depuración de moluscos que se leva a cabo nas citadas instalacións e un biólogo da Confraría ofreceralles unhas explicacións sobre as características e a diversidade da ría.

A última das visitas programadas cos menores será o sábado 10 de agosto, xornada na que se desprazarán ás instalacións do recinto multiaventura do club NHD Adventure no polígono de Río do Pozo. En horario
de mañá, de 11.00 a 13.00, darán unha volta nun dos vehículos todoterreo do club polas diferentes zonas deste recinto multiaventura, tal e como avanzou Jorge Prado, tesoureiro da entidade.

Os representantes do Club de Atletismo Narón e de NHD Adventure, ao igual que da Confraría de Barallobre -que non puideron acudir á presentación valoraron esta iniciativa do Concello. Pola súa banda, dende o goberno local, tanto José Oreona como Catalina García destacaron a importancia de traballar de xeito transversal entre as diferentes áreas para poder organizar iniciativas como estas na cidade. Así mesmo, animaron ás familias de acollida a levar aos nenos e nenas de Chernóbil e do Sahara, que entre finais de agosto e comezos de setembro abandonarán a cidade, a estas visitas programadas dende o Concello en colaboración coas tres entidades.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …