A corporación de Narón aproba unha declaración institucional en apoio aos comités de Navantia Fene-Ferrol

A corporación local de Narón respaldou na mañá deste mércores no pleno ordinario unha declaración institucional en apoio ao comité de empresa de Navantia Fene-Ferrol urxindo carga de traballo para os astaleiros da ría.

Dende o colectivo denuncian o parón previsto no sector entre finais deste verán e comezos do ano 2021, momento no que se prevé o inicio da construción das cinco fragatas F-110 para a Armada Española autorizadas polo Consello de Ministros –e xa con orde de execución-. Para evitar a parálise na actividade dos asteleiros dende o comité de Navantia Fene-Ferrol apelan á construción dun Buque de Aprovisionamento en Combate (BAC) para cubrir esa falta de ocupación entre os anos 2020 e 2021. Na declaración institucional ínstase ao Goberno Central, á Xunta e á Dirección de Navantia a realizar as
xestións oportunas para concretar as contratacións á maior brevidade.

Plan Único de Concellos da Deputación

En materia de investimentos, o Concello participará na segunda fase do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, do que lle corresponden a Narón unha partida de 951.301 euros en dúas fases, sendo o importe desta segunda de 397.064 euros. Con cargo a esta partida, e coa aprobación de toda
a corporación, reforzarase a rodadura de varios camiños rurais localizados en Castro de Abaixo, Río da Lousa, Igrexa-Vilar, San Xiao e Vidueiro, entre outros, actuacións orzamentadas en conxunto en 241.402 euros. Tamén con cargo a este plan provincial acometeranse obras de accesibilidade e reforma da rúa
Mugardos, por un importe de 102.198 euros, e na rúa da Paz, por 54.449 euros.

 

Así mesmo, na sesión plenaria aprobouse o Plan Económico financiero do Concello para o período 2019-2020 que, seguindo os trámites oportunos, se remitirá á Secretaría Xeral de Financiación Autonómica e Local.

O Concello de Narón tamén se adherirá, tras aprobalo o pleno, ao convenio de colaboración entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e a Federación Española de Municipios e Provincias en materia de intercambio de información tributaria e colaboración na xestión recadatoria coas entidades locais e alta no procedemento de embargo de pagos orzamentarios. O acordo consiste nun sistema automatizado que permite embargar determinados pagos presupostarios de debedores fronte á Facenda
Pública a través dun sistema informatizado.

Alegacións e mocións

Na sesión rexeitáronse as alegacións presentadas á estrutura de custos do servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria do Concello, que se remitirá á Xunta de Galicia.

No apartado de mocións rexeitouse unha do PP sobre a aprobación dunha rebaixa do IVTM, explicando o portavoz de TEGA, Román Romero, que “non son comparables os servizos que ofrece Narón cos doutros concellos. O goberno local ten conxeladas as taxas e impostos municipais dende hai varios anos e conta cunha estabilidade orzamentaria que debemos manter”.

A segunda das mocións rexeitadas era sobre unha modificación na ordenanza do IBI, tamén presentada polos populares, e que non respaldaron nin o bipartito naronés –TEGA e PSOE- nin o BNG.

Lea también

Club Arco Narón obtiene buenos resultados en la segunda edición del Torneo ‘Escolas Indoor’

En jornada matinal de este pasado domingo se celebró en el pavillón da Mocidade de …