O concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron esta mañá o “Trishark Narón 2019” que se celebrará o vindeiro sábado 3 de agosto na zona do paseo marítimo de Xuvia. A proba reunirá a uns 300 triatletas na cidade e as persoas que o desexen poden aínda anotarse –ata o vindeiro martes, día 30- a través da web da AD Náutico de Narón: www.nauticonaron.com/trishark ou da Federación Galega de Triatlón. Na proba disputarase ademais o Gran Premio Toyota Breogán Motor 2019. José Oreona felicitou á entidade deportiva organizadora deste evento xunto co Concello por mantelo ano tras ano e tamén polos éxitos acadados polos deportistas locais do Náutico de Narón.
A saída da proba popular supersprint será ás 17.20 horas e a continuación serán as correspondentes ás probas de élite feminina e masculina, ás 18.30 e ás 18.45 respectivamente. A maior parte dos participantes proceden de clubs galegos aínda que tamén acudirán ao evento deportistas de clubs procedentes de Madrid, Castela León e Asturias, tal e como explicou Guerrero. Entre as participacións pechadas a día de hoxe, tal e como avanzou o presidente do Náutico de Narón, están triatletas internacionais e nacionais, entre eles: Ana Santiso, Sara Guerrero e Paula Herrero, do Náutico de Narón e as dúas últimas recentemente convocadas pola Selección Española para o Campionato de Europa Sub23 que se celebrará o vindeiro mes de setembro en Valencia. Así mesmo, participarán no “Trishark Narón 2019” Nerea García, campiona de Europa en relevos mixtos; Aida García, do CCT Poio, campiona galega de triatlón en distancia olímpica e Natalia Castro, medalla de bronce no campionato galego de triatlón cadete.
Na categoría masculina o evento contará coa participación de Antón Ruanova, gañador da anterior edición do “Trishark Narón” e internacional por Brasil; Nico Domínguez, do HSP Las Palmas e o internacional David Castro, do EQ.T.R. de la Roda, de Albacete, que virá con varios triatletas do seu equipo, entre eles Iago Lorenzo, medalla de bronce no Campionato galego de triatlón en distancia olímpica, Ignacio Legazpi (Triatlón Avilés) e o naronés Carlos Rodríguez, bronce no Campionato galego Ironman de As Pontes.
As categorías infantil e cadete contarán tamén cunha ampla representación de deportistas de mozas e mozos de Ferrolterra, e moitos deles participarán por primeira vez nunha proba de élite.
A celebración do “Trishark Narón 2019” implicará cortes de tráfico, tal e como informou o concelleiro de Deportes, na estrada de Castela –entre a rotonda de Megasa e a praza do antigo Concello- entre as 17.00 e as 20.00 horas aproximadamente. O peche implicará o desvío dos vehículos que circulen pola zona en dirección a Ferrol pola estrada de San Xiao e aos que vaian en dirección Neda pola FE-11.
O presidente do Náutico de Narón agradeceu a colaboración neste evento e, finalmente, Oreona desexou moita sorte a tódolos participantes, convidando á cidadanía a acudir a este evento deportivo.