A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu na mañá deste luns unha reunión co comité de empresa de Navantia Fene-Ferrol e á que tamén asistiron os portavoces de Terra Galega, Román Romero; PSOE, José David Pita, e PP, Germán Castrillón. No transcurso da xuntanza acordouse levar ao pleno deste mércores, día 24, unha declaración institucional en apoio aos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol, urxindo carga de traballo para os asteleiros da ría.
No documento a corporación local respaldará as demandas dos traballadores e traballadoras de Navantia Ría de Ferrol e urxe carga de traballo mediante a contratación dun Buque de Aprovisionamento en Combate (BAC), que permitiría cubrir a falta de ocupación que se prevé nos anos 2020 e 2021 debido ao retraso na execución das cinco fragatas F-110 para a Armada Española, autorizadas polo Consello de Ministros o pasado mes de marzo e para as que xa se asinou a orde de execución.
“Desde finais deste verán de 2019 ata o 2021 os niveis de paro serán alarmantes e, no caso de non solucionarse tería gravísimas repercusións para o emprego, tanto en Navantia, na industria auxiliar, e mesmo no conxunto da comarca de Ferrol”, aseguran dende o comité de empresa. Dende o colectivo inciden en que «se desexan evitar esas gravísimas repercursións especialmente no emprego, é imprescindible que se concrete e se adopte a correspondente decisión con carácter de urxencia, única maneira que permite xerar carga de traballo a partir do ano 2020”.
Finalmente, a través da declaración institucional ínstase ao Goberno do Estado, á Xunta e á Dirección de Navantia a levar a cabo as xestións precisas para a concrección das contratacións “no prazo máis breve posible”.