Lugo acollerá un acto especial de irmandade entre o Arde Lucus e o Oenach Atlántico de Narón

As diferentes asociacións castrexas do Arde Lucus e a asociación veciñal Rosa dos Ventos de Sedes, esta última organizadora co Concello de Narón do Oenach Atlántico, serán as protagonistas dun acto especial de irmandade o luns 22 de xullo ás 16.30 horas diante do Concello de Lugo. Este acto, que estará presidido polas alcaldesas de Narón e Lugo, Marián Ferreiro e Lara Méndez, respectivamente, simbolizará
a unión entre dúas festas que son declaradas de Interese Turístico de Galicia (no caso lucense, tamén a nivel de España) e que contan xa con dúas décadas de historia.

Os xefes castrexos do Arde Lucus establecerán unha alianza cos castrexos de Narón, que abren así, coa súa visita a Lugo, a semana na que se celebra a vixésimo primeira edición do Oenach Atlántico de Sedes, que terá lugar a fin de semana do 26, 27 e 28 de xullo na campa do Trece, na parroquia de Sedes. O obxectivo de ambas partes é sumar forzas, tender pontes, e crear sinerxias para o impulso deste tipo de eventos con base etnográfica e antropolóxico-cultural, que buscan recrear as raíces da nosa cultura celto galaica.

O Oenach Atlántico quere dar a coñecer en toda Galicia o traballo e implicación dos seus veciños e veciñas nun evento xa maduro que conta con obradoiros e importantes espectáculos musicais, ademais de recreacións teatrais da vida cotiá nos castros e pallozas, actos como o acendido do lume ou a representación de oficios tradicionais. Por iso os seus habitantes saen fóra do seu territorio para que o Arde Lucus apoie a súa difusión. Pola súa banda, as asociacións do Arde Lucus traballan xa na décimo novena edición de 2020, a piques de cumplir as dúas décadas de vida, e queren simbolizar a irmandade e
acollida doutras festas de menor tamaño pero que teñen detrás un enorme e serio traballo de recuperación e estudo da cultura celto galaica, como é o caso do Oenach Atlántico de Sedes.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …