Pesar en Narón polo pasamento de Santiago Caneiro, persoeiro ligado á cultura

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, trasladou o pésame do Concello e do propio Padroado da Cultura aos familiares e ás amizades de Santiago Caneiro Aneiros, exdirector da Banda de Gaitas do Padroado, tralo seu pasamento, este luns . Ferreiro destacou “a súa gran contribución a impulsar a música e a cultura galegas nas últimas catro décadas” e subliñou tamén “o intenso labor que desenvolveu durante a súa etapa profesional no Padroado da Cultura”.

Santiago Caneiro Aneiros foi profesor da Escola de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, director durante máis de dez anos da Banda de Gaitas de Narón, e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, “desempeñando unha importante tarefa ao longo da súa vida en canto á recuperación da música tradicional galega en xeral e da gaita e da percusión en particular”.

En canto á súa dilatada experiencia profesional, dende o Padroado da Cultura recordouse ademais que Caneiro foi o fundador do Obradoiro de construción de instrumentos, “unha das propostas das Escolas Culturais municipais a través da que se formaron na área da construción de diversos instrumentos tradicionais numerosos veciños e veciñas non só de Narón senón tamén doutros concellos da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal”.

“Dende o Concello de Narón agradecemos a intensa aportación de Santiago Caneiro ao Padroado da Cultura de Narón e á música tradicional galega en xeral, deixándonos un importante legado a través da súa profesionalidade”, ao tempo que se lamentou “a gran perda que supón o seu pasamento, unha destacada figura do panorama musical galego é á que sempre recordaremos con gran agarimo nesta cidade”.

Capela ardente e sepelio

A capela ardente atópase instalada no tanatorio Albia, no polígono da Gandara. O acto do enterro terá lugar no cemiterio parroquial de Pantín, Valdoviño. ás 18.30 horas deste martes.

Desde Galicia Ártabra enviamos o noso máis sentido pésame á súa familia e amigos

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …