O Concello de Narón destina unha partida de 72.377 euros a acometer o proxecto de acondicionamento e reparación do local social de Sedes. Os traballos xa se iniciaron a principios desta semana e consistirán na mellora da eficiencia enerxética das instalacións e tamén se acometerán melloras de accesibilidade dende o exterior do edificio e unha ampliación do mesmo.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que “esta actuación que se levará a cabo nas vindeiras semanas compleméntase co acondicionamento xa rematado na parcela exterior anexa ao local, donde se habilitou unha zona verde cun investimento de algo máis de 48.000 euros tras adquirir o Concello o ano pasado esa parcela, de algo máis de 6.000 metros cadrados e que custou uns 70.000 euros”. Ferreiro destacou que “en conxunto, este ano destináronse dende o Concello máis de 120.000 euros a mellorar
tanto o local social como o seu entorno, unha partida á que no último ano se sumaría tamén a correspondente á adaptación dos aseos do local para persoas discapacitadas”.
O local contará cunha rampa exterior para mellorar o acceso a persoas con dificultades de mobilidade e dotarase de iluminación na planta alta, ao tempo que se substituirán as fiestras, que serán tamén de aluminio pero que contribuirán á mellora da eficiencia enerxética. Así mesmo, habilitarase un anexo cuberto na planta baixa de aproximadamente vinte metros cadrados.
«Esa superficie a maiores coa que contará a edificación destinarase a sala de ordenadores, co obxectivo de ampliar a oferta de actividades que se programan no local social durante o ano”, tal e como explicou a alcaldesa.
Así mesmo, están xa rematados os traballos de acondicionamento do,parque localizado xunto ao local social, donde se actuou na parcela adquirida polo Concello e que xa está acondicionada como área de lecer. A intervención realizada supuxo un investimento ás arcas locais de 48.397 euros, unha cantidade coa que se procedeu a pechar a parcela no tramo lindante coa estrada de Sedes; a habilitación dunha senda de xabre e a construción dunha praza de pavimento de pedra de pizarra, colocándose tamén mesas e bancos de granito, unha fonte e papeleiras. A todo isto súmase a colocación de novos elementos de xogo do parque infantil alí ubicado e a instalación doutros elementos propios dos parques biosaudables.
Na parroquia de Sedes, concretamente na caseta de baños ubicada no recinto do Trece tamén se realizou un investimento que permitiu cambiar as fiestras –para mellorar a eficiencia enerxética- e realizar unhas reparacións na cuberta. Na actualidade, tal e como avanzou Ferreiro, o Concello dispón dunha memoria valorada para proceder a executar melloras de accesibilidade nesas casetas de baños, se ben, explicou “priorizáronse os traballos no local social por ao tratarse dunhas instalacións que utilizan a diario as veciñas e veciños da parroquia”.