A concelleira do grupo de goberno de Ferrol, María Teresa Deus, foi a encargada de intervir en representación do alcalde, Ángel Mato, na clausura do ”XV Encontro de Persoas Xordocegas e voluntariado”, promovido pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra e desenvolvido durante dos días 21 e 22 deste mes de xuño. O acto tivo lugar na sede da Faxpg de Ferrol, ubicada no centro comercial Porta Nova, e ao mesmo asistiron os presidentes das sete asociacións de Galicia (Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol), ademais dun nutrido grupo de socios e voluntarios, pertencentes a ditas agrupacións.
Tras visitar as instalacións da entidade, saudar aos membros das sete asociacións de Galicia e falar con asistentes, Deus deu a benvida a todas e todos os asistentes e manifestou o interese que ten a nova corporación por traballar para conseguir unha cidade máis integradora e accesible. «Como non pode ser de outro xeito -dixo-, esta corporación pon ás persoas no seu eixo central«, e lembrou que dende a etapa de goberno presidida polo socialista Vicente Irisarri, ofértanse actividades escolares de balde para toda a poboación escolar, estando entre elas a lingua de signos.
A edila manifestou o seu desexo de que esta activade sexa máis demandada polos centros para poder ir avanzando na integración, e fixo referencia á importancia de acadar un emprego. A este respecto, Deus amosou a súa disposición para manter unha estreita colaboración co servizo de orientación da Faxpg e o servizo de emprego do Concello de Ferrol.
Por último, manifestou o seu desexo de que para en vindeiras ocasións poidan aloxarse en Ferrol, de modo que teñan a oportunidade de coñecer e desfrutar máis da cidade, xa que nesta tiveron que facelo fóra por non contar con establecementos suficientes que cumprisen coa accesibilidade necesaria para albergar ao colectivo.