Aprobadas as bases da décima edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón

O Concello de Narón dispón xa das bases que rexirán a décima edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón. A concelleira en funcións de Turismo, Natalia Hermida, anima ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a “aproveitar a tempada estival para poder realizar imaxes que se adapten ás citadas bases e, polo tanto poidan optar aos premios deste certame”. O prazo de presentación das fotografías abrirase o vindeiro mes de setembro, se ben “as múltiples actividades que se realizarán nos meses de verán na cidade poden representar unha moi boa oportunidade de cara a realizar esas imaxes para presentar ao concurso”, apuntou Hermida.

As fotografías deberán amosar a riqueza de Narón, atendendo a varios campos: a riqueza humana e social (nos ámbitos veciñal, deportivo, industrial, festas populares…); espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos; patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico, sendo obrigatorio que o lugar ou o entorno no que se tome a imaxe sexa o concello de Narón, debendo ser recoñecible.

O certame, ao que cada persoa poderá presentar un máximo de tres imaxes, repartirá un total de 1.200 euros en premios, sendo de 750 euros o primeiro; de 300 o segundo e de 150 o terceiro. Será un xurado especializado en fotografía o encargado de puntuar, en base aos baremos establecidos, cada unha das fotografías. O xurado valorará por primeira vez neste certame o impacto visual da fotografía con ata dez puntos; a calidade técnico artística (10 puntos); e a creatividade (10 puntos). O prazo de presentación de imaxes ao certame permanecerá aberto do 16 ao 27 de setembro, ambos incluídos, no Rexistro do Concello.

A edil naronesa recordou que as doce fotografías que obteñan unha maior puntuación ilustrarán, como en anteriores edicións, o calendario desobremesa que editará o Concello para o ano 2020. Natalia Hermida animou á cidadanía a presentarse a este certame, do que destacou o feito de que cada ano conta con maior número de participantes non só de Narón senón tamén doutros concellos.
As bases poden consultarse na páxina web do Concello, a través do
enlace: http://www.naron.es/web/docs/Bases-X-Concurso-Fotografía.pdf.

Para calquera aclaración respecto ás mesmas pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión: 1517) ou escribir ao enderezo electrónico: a.fernandez@naron.es

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …