En Narón, pleno extraordinario no que se despediron os edís que non continuarán na corporación no vindeiro mandato

A corporación local asistiu na mañá deste mércores, día 12, a un pleno extraordinario, iniciado ás 10.00 horas, e no que se aprobaron por unanimidade as actas da sesión anterior. Na sesión plenaria despediuse tamén aos integrantes da corporación que deixarán as súas actas de concelleiros no vindeiro mandato: María del Carmen Espada, Terra Galega; Teresa Sabio e Xosé Gómez Fandiño (BNG); Hipólito Fariñas, Laura Pena, Esther Carballeira, Patricia Aneiros (PP), Alfonso Casal (ENE) e André Abeledo (EU), se ben este último non asistiu ao pleno. Tivo tamén unhas palabras de recordo e agradecemento a corporación para o edil socialista Octavio Dopico, falecido este mesmo ano.

A portavoz do PSOE, Catalina García, recordou ao seu excompañeiro de partido, Octavio Dopico, e desexou aos edís que non continuarán na corporación “o mellor, a pesar das diferencias políticas, porque máis alá estamos as persoas”.

A seguinte intervención foi a da portavoz nacionalista Teresa Sabio, que asegurou que estes catro anos no Concello “foron unha boa experiencia para nós –en relación tanto á súa persoa como á do exedil Pablo Villamar e posteriormente de Xosé Gómez Fandiño- como concelleiros”. Sabio incidiu en que “foi un pracer ser concelleiros do BNG e estar no grupo de goberno con todas e todos vós, incluso coa oposición a pesares de ter diferencias ideolóxicas, non persoais”.

O portavoz popular, Marcos López, reiterou a súa noraboa á alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro, polos resultados obtidos nas eleccións municipais do pasado mes de maio. “Os veciños elixiron e a nós tócanos aceptar os resultados”. A continuación, despediu tamén aos compañeiros e compañeiras de corporación, asegurando que “o seu nome forma parte xa da historia deste concello” e valorando o feito de que “prestaron un servizo aos seus veciños e veciñas e creo que poucas cousas pode haber máis bonitas”. Balado tivo tamén palabras de recordo para Octavio Dopico e agradeceu o labor do grupo municipal do PP no Concello.

Interviu tamén no pleno o portavoz de ENE, Alfonso Casal, que agradeceu as palabras dos seus compañeiros e compañeiras de corporación e calificou como “interesante” a súa experiencia no Concello. “Puidemos traballar mellor e tratamos de facer sempre o mellor para o Concello e o conxunto da cidadanía”, dixo tras anunciar que “continuaremos traballando dende fóra do Concello” e agradeceu a colaboración “de todo o mundo e a boa relación que sempre houbo en xeral, á marxe das diferencias políticas”.

Finalmente tomou a palabra a alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro, que agradeceu “a labor de todas as persoas que estiveron no Concello neste mandato”, tendo tamén un recordo especial para o exedil Octavio Dopico. Ferreiro asegurou que “foi un pracer traballar con elas e é de agradecer o trato diario coa xente coa que gobernamos, porque o traballo que fixestes foi fundamental, primando sempre o diálogo”. Ferreiro explicou que “hai xeitos e xeitos de facer oposición” e ao remate da súa intervención desexou aos edís que deixan as súas actas “o mellor nesta nova etapa que iniciades”, indicándolles que “tedes abertas as portas do Concello e de Terra Galega para o que precisedes”.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …