O Concello de Narón licita en 179.000 euros a mellora da eficiencia enerxética en varias rúas de Freixeiro

O barrio de Freixeiro, en Narón, será obxecto nos vindeiros meses duns traballos de mellora de eficiencia enerxética que suporán un investimento de 179.012 euros. O Concello licita o contrato das tarefas que permitirán materializar este proxecto nas rúas localizadas entre o acceso á FE-12, a AP-9 e a zona rural do Feal, tal e como indicou a alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de prazo ata o vindeiro día 20 deste mes de xuño para presentalas a través da Sede Electrónica do Concello ou no propio Concello persoalmente ou por correo ordinario (na dirección: Praza de Galicia, s/n; CP: 15.570)

“As rúas incluídas neste contrato para a instalación de alumeado led seleccionáronse atendendo principalmente a dous criterios, o estado no que se atopan as actuais instalacións e tamén a necesidade de mellorar nesas zonas do barrio de Freixeiro o confort lumínico”, tal e como explicou Ferreiro.

En total actuarase en 299 luminarias, substituíndoas por outras de tecnoloxía led, ao ter as actuais un sistema de descarga de vapor de sodio, de alta presión. “As novas luminarias permitirán iluminar o dobre que as que están funcionando na actualidade e tamén reducir considerablemente o consumo enerxético e, polo tanto, a factura a abonar dende o Concello”, indicou.

Sobre estas últimas áreas Ferreiro avanzou que “o aforro anual estimado trala execución destes traballos é de algo máis de 27.500 euros, unha cantidade que xunto co aforro que se rexistrará no resto de barrios e parroquias donde se están acometendo ou se acometeron traballos de mellora da eficiencia enerxética permitirá destinar eses cartos a outras actuacións ou servizos municipais”, destacou a alcaldesa en funcións.

Entre as vantaxes destas actuacións inclúense ademais o feito de que se poden suprimir algúns puntos de luz actuais, debido a que a nova iluminación led ofrece unha maior cobertura. Así mesmo, a repercusión medioambiental desta tecnoloxía é menor, co que se contribúe ao coidado do medio ambiente.

Nos últimos catro anos, tal e como recordou Marián Ferreiro, o Concello destinou unha partida superior aos dous millóns de euros a traballos de eficiencia enerxética para a implantación da tecnoloxía led en luminarias de vías, prazas e edificios públicos do municipio.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …