A concelleira en funcións de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, acompañou a unha das nais afectadas polo peche da escola de Pedroso ao edificio administrativo da Xunta en Ferrol para entregar 1.629
sinaturas reclamando a reapertura do centro para o curso 2019-2020. Esta entrega de sinaturas complementa as convocatorias que a modo reivindicativo se veñen realizando no colexio de Pedroso semanalmente –os martes- co fin de urxir á Xunta que confirme a reapertura do centro, con seis menores
prematriculados para iniciar o período escolar en setembro deste ano.
Nun dos documentos que acompañan as sinaturas, dirixidas á conselleira de Educación, Carmen Pomar, recórdase que foi a citada Consellería a que en xuño de 2018 pechou o centro, “co compromiso de reabrilo se no curso seguinte alcanzaba o mínimo de solicitudes de matrícula, seis”. Rematado o período de admisión e a poucos días de que se abra oficialmente o período de matrícula –do 20 ao 30 de xuño- os pais e nais carecen polo momento de confirmación oficial por parte da Xunta da reapertura do colexio de Pedroso.
O pasado mes de abril representantes dos pais e nais afectados polo peche do centro reuníronse en Santiago coa conselleira pero nin na xuntanza nin a día de hoxe lles confirmaron a reapertura, tal e como recordan dende o colectivo. “O ensino de proximidade é fundamental na zona rural e contribúe a fixar poboación e a desenvolver unha acción pedagóxica no entorno do hábitat familiar, evita desprazamentos innecesarios dos nenos e nenas e fomenta unha aprendizaxe máis participativa, en aulas sen masificar e en contacto coa natureza”, subliñan os pais e nais.
Este martes mesmo o patio do colexio de Pedroso acollía un concerto reivindicativo, a cargo de Amalia&Manuel, dous músicos profesionais, veciños de Pedroso e afectados tamén polo peche da escola da parroquia. No acto leeuse tamén un escrito defendendo a educación de proximidade e urxindo que
se aclare a situación antes de que se abra o prazo de matrícula.
O goberno local respalda as peticións formuladas polas familias e a ANPA do CRA e colaborou na campaña de recollida das sinaturas presentadas este mércores no Rexistro da Xunta, xa que os escritos estaban á disposición da veciñanza disposta a colaborar tanto no Concello como nos edificios municipais
e nos centros de ensino da cidade. Pola súa banda, os afectados agradeceron tanto o respaldo da administración local como o dos veciños e veciñas, profesorado e familiares que apoian a súa reivindicación