O Concello de Narón organizou un novo acto reivindicativo para urxir á Consellería de Educación a reapertura da escola de Pedroso para o vindeiro curso. A convocatoria programouse unha vez máis en colaboración con familias e a ANPA do CRA e terá lugar este martes, ás 19.00 horas, no patio da citada escola.
Dende o goberno local animan á veciñanza a asistir a este acto, respaldando así a demanda dos pais e nais que prematricularon aos seus fillos e fillas no centro e defendendo a continuidade dos colexios rurais. Representantes do equipo de goberno naronés, encabezados pola alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro, asistirán a esta convocatoria, na que tamén estará presente a concelleira en funcións de Ensino, Mercedes Taibo.
O grupo Amalia&Manuel, formado por Amalia Guerrero e Manuel Tizón, ofrecerá un concerto reivindicativo no patio da escola de Pedroso. Este dúo músical –violín e guitarra- constituíuse no ano 2004 da man de Amalia e Manuel, ambos profesionais titulados polo Real Conservatorio Superior de
Música de Madrid, veciños na actualidade de Pedroso e afectados polo peche da escola desta parroquia naronesa.
O acto deste martes súmase aos realizados en semanas anteriores no centro para reivindicar á Consellería de Educación a reapertura da escola de Pedroso para o curso 2019/2020, para o que o centro conta con seis menores prematriculados, condición previa requerida pola Xunta para mantelo aberto. “A pesares de cumprir o requisito esixido, as familias desoñecen neste momento, a escasos días de abrir o prazo de formalización da matrícula, se o centro se reabrirá o vindeiro mes de setembro, polo que é urxente que canto antes se confirme esta reapertura ás familias afectadas”, recalcou Ferreiro, que recordou que leva case oito meses á espera de que lle fixen unha data para reunirse coa conselleira de Ensino, Carmen Pomar, e abordar este e outros temas relativos á citada área. Ferreiro solicitou en varias ocasións entrevistas coa responsable autonómica de Educación sen obter polo momento resposta algunha e a
pesares de ter constancia a propia Pomar da situación da escola de Pedroso.
Así mesmo, a alcaldesa en funcións recordou que se está levando a cabo unha campaña de recollida de sinaturas en apoio á reapertura da citada escola. As persoas que poidan colaborar teñen á súa disposición os escritos para asinar nos centros de ensino da cidade e nos edificios públicos municipais.
“En Narón non estamos pedindo nada que non se faga noutro concello nesta mesma situación, o que pedimos é que se confirme canto antes a reapertura do colexio unha vez cumpridos os requisitos esixidos en canto á matriculación e que así se comunique oficialmente a través da Xunta aos pais e nais afectados”, asegurou Ferreiro.