O BNG de Ferrol deu inicio á campaña electoral das vindeiras eleccións municipais con música en directo, da man do músico e mestre Xoán Padín, integrado na candidatura dos nacionalistas no número nove. Un concerto que deu comezo ás 22:30 horas e que tivo lugar no local do BNG na rúa Galiano, 66.
Posteriormente, ao redor das 23:30 horas o candidato á alcaldía, Iván Rivas, realizou unha intervención na que lles propuxo aos veciños e veciñas da cidade que reflexionen acerca do que lles poden ofrecer o resto de candidatos e candidatas que se presentan a estes comicios municipais. “Que lles poden ofrecer que non tivesen experimentado xa?”, afirmou Rivas.
Para o candidato á alcaldía a maioría dos candidatos e candidatas son practicamente o mesmo, e se non o mesmo, moi parecido. “Ao longo destes días vanse pelexar para decidir quen é o máis demo no inferno e os problemas máis acuciantes da cidade seguiran aí co seu silencio cómplice. A dependencia do mº de Defensa, a carencia de ingresos ou a falla de investimentos nás últimas décadas acompañada da privatización de todo o privatizable serán temas tabu, recorrendo á demagoxia da unidade e a estabilidade para non falar de nada”, indicou o nacionalista.
É preciso lembrar «que moitos deles xa gobernaron, e que a cidade segue metida nun pozo sen fondo«. “Mais non escoitaredes deles a mínima autocrítica. Porque cando digo que xa gobernaron refírome a que eles mesmos, personalmente, xa gobernaron, non os seus partidos políticos”, afirmou. “O Sr. Suárez é o actual alcalde, o Sr. Rey Varela foino hai 4 anos, xunto ao Sr. Langtry responsable de facenda, e o Sr. Mato concelleiro de urbanismo con Irisarri”, engadiu.
O BNG de Ferrol considera que, se estes candidatos fixesen autocrítica, «Ferrol podería agardar algo diferente, mais o que nos ofrecen non é que xa o escoitásedes, é que xa o sabedes porque o experimentáchedes«.
De FeC, «postmodernismo fatalista para xustificar que este é o mellor dos mundos posibles. A excusa perfecta para que o PP cun traxe usado, porque non tiñan para un novo, nos asegure que non hai alternativa a que os de sempre leven todo«.
De C’s, «de casta lle ven ao galgo» e do PSOE «como moito, un novo plan E, pero Zapatero non é Pedro Sánchez, así que quedarémonos compostos e sen mozo cunha nova reestruturación edulcorada e vendida cun lazo vermello de agasallo ao redor dunha F110«.
Nesta cidade «ninguén acredita na profecía de Fukuyama sobre o fin da historia pero todos e todas actúan como si así fose, e así pasamos os días como si estivesemos a vivir a culminación do progreso e no mellor dos mundos posibles«. “Eu propóñovos que manteñades a mente aberta, e que deixedes de crer que eufemismos como o Estado de benestar ou as terceiras vías constitúen valores supremos é o máximo ao que podemos aspirar. Este 26M Ferrol, ten dúas opcións para os próximos 4 anos: un goberno continuador de todas estas dinámicas, e ahí os e as ferroláns teñen onde escoller. Si é así esquézanse do BNG. Mirade cara outro lado. Ou unha alternativa totalmente diferente liderada polo BNG. Se queren probar con algo totalmente diferente, mirádenos directamente aos ollos. Porque se queredes resultados diferentes, non fagades sempre o mesmo”, sentenciou Iván Rivas.