Unhas 1.300 persoas participaron na mañá deste venres na duodécima edición da Marcha Ciclista Escolar organizada polo Concello, desde o equipo de Educación Viaria, en colaboración coas Anpas dos centros de ensino. Pasadas as 10.00 horas os rapaces e rapazas saían dos seus colexios en compañía de varios voluntarios que os acompañaron durante todo o percorrido ata o paseo marítimo de Xuvia, a donde chegaron sobre as 11.30 horas. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e os edís de Cultura, María del Carmen Espada, e Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse tamén a Xuvia con motivo deste evento deportivo.
Os escolares reagrupáronse, por grupos, no aparcadoiro do Pazo da Cultura e na rotonda de Freixeiro, para dirixirse xuntos a Xuvia, accedendo ao paseo pola rúa Xoán XXIII. Participaron alumnas e alumnos dos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal, A Gándara, Santiago Apóstol, A Solaina, Ayala, Virxe do Mar, do centro Nuestra Señora de Chamorro, de Narón, e do colexio Maciñeira, este último de Neda. No percorrido estiveron acompañados por unha ampla representación dos pais e nais dos escolares, integrantes das Anpas dos centros, e persoal do Moto Club Fojeteiros, do ximnasio Beny Gym, dos clubs ciclistas de Narón Vara e Pedal, Eskornabois e Clásico BikeWorks. Persoal do Speis de Narón e axentes da Policía Local acompañaron tamén aos participantes nesta XII Marcha Ciclista Escolar.
Un ano máis, a cita foi un éxito a nivel de participación e os escolares gozaron dunha xornada deporte dende os centros ata o paseo de Xuvia, donde aparcaron as bicicletas en espazos delimitados para cada centro, con pancartas indicativas realizadas polos propios escolares. Á súa chegada realizaron unha parada para repoñer forzas, a base de laranxas, pan e auga, para descansar un pouco antes de participar, tamén no paseo, nunha master class de zumba.
Sobre as 12.45 horas os escolares recolleron de novo as súas bicicletas para dirixirse nelas de regreso aos seus respectivos centros escolares.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu a gran acollida desta duodécima edición da Marcha Ciclista escolar organizada polo Concello e as Anpas e tamén a implicación dos nenos e nenas, dos seus pais e nais e de cantas persoas colaboraron desinteresadamente no evento, así como das empresas patrocinadoras. “Grazas a todas e todos eles podemos celebrar este evento ano tras ano na cidade, unha cita que marca a proximidade do fin do curso escolar e centrada no deporte”, apuntou Ferreiro.
O Concello valorou tamén a comprensión dos condutores que tiveron que esperar ao paso dos participantes na Marcha Ciclista Escolar por algúns viais da cidade e a implicación das empresas Gadisa, Hiper Froiz e do Centro Comercial Narón.