O Concello de Narón acolleu a presentación da cuarta edición do Torneo feminino de fútbol Concello de Narón, que se disputará o vindeiro sábado, día 20, no campo de fútbol de Sinde, no Val, a partir das 16.30 horas. No acto estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Román Romero; o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar; o delegado do organismo en Ferrol, Manuel Mesa, o presidente da Sociedade Deportiva O Val, Antonio López, a seleccionadora Natalia Prieto e Kevin Cabado, do R.C. Deportivo Abanca “B”. Os organizadores animaron á cidadanía a asistir á convocatoria, na que xogarán a selección absoluta feminina de Ferrol e o R.C. Deportivo Abanca “B”.
Román Romero destacou que desde o Concello se continuará apoiando ao deporte e respaldando, como non podía ser doutro xeito, o fútbol feminino, cada día con máis representación nos clubs da comarca. “Esperemos que eventos como o que presentamos hoxe sirvan para darlle un impulso ao fútbol feminino”, subliñou Romero, que agradeceu a presencia da RFGF e o labor que se realiza desde a Sociedade Deportiva O Val, así como a participación tanto da selección absoluta feminina de Ferrol como do R.C. Deportivo Abanca “B”.
A continuación, Manuel Mesa valorou a colaboración do Concello de Narón en xeral e da alcaldesa, Marián Ferreiro, en particular, “polo seu apoio constante cada vez que chamamos á súa porta, que son moitas” e tamén destacou o traballo da Federación Galega de Fútbol e da Sociedade Deportiva O Val, así como a implicación do R.C. Deportivo. “Hai nove anos collemos a delegación cunhas trinta fichas femininas e comezamos a traballar para poñernos á altura das outras delegacións e hoxe temos 355 fichas femininas”, asegurou.
Pola súa parte, o vicepresidente da RFGF valorou tamén a implicación do Concello de Narón pola súa aposta polo deporte en xeral e o fútbol en particular e o presidente da Sociedade Deportiva O Val recalcou a importancia de realizar este tipo de eventos na cidade. Todos eles coincidiron, xunto con Kevin Casado, na importancia de que acuda moita xente ao partido do vindeiro sábado, para o que a seleccionadora Natalia Prieto avanzou hoxe a lista de xogadoras: Malena Mieres (campiona de Europa na categoría Sub 18); Jessica Carro, Alba Pérez, Andrea Agulló, Antía Delgado, do R.C. Deportivo da Coruña; Alba Platas, Sara de la Fuente, Lucía Rivas, Noemí Rey e Valeria Filgueira, da S.D. O Val; Aroa González, do Galicia de Caranza; Sofía Martínez e Uxía Cabada, do Galicia de Mugardos; Andrea Novo, Laura Miraz, Jennifer Florencio, Beatriz Vila e Marta Rodríguez, do C.D. Narón; Sofía Martínez, do CCRD Perlío, e Eva Pernas, do CD Cariño.