O Concello de Narón conmemorará con varios actos o Día Internacional do Pobo Xitano (8 de abril), unha data que lembra o primeiro Congreso Mundial Romaní/Xitano, que se celebrou en Londres no ano 1971. A concelleira de Acción Social, Catalina García, presentou na mañá deste venres a programación, na que tamén se implicou a área de Promoción Social, dirixida pola edil Teresa Sabio. “Convidamos ás veciñas e veciños a participar tanto no obradoiro de origami de mañá como na Cerimonia do Río do vindeiro luns no parque do río Freixeiro, para celebrar todos e todas xuntos esta data tan sinalada para as persoas de etnia xitana”, indicou García.
A Casa da Mocidade, na Gándara, acollerá este sábado un obradoiro de origami, aberto á participación da cidadanía en xeral. As persoas que acudan realizarán flores de papel, entre as 18.30 e as 20.00 horas, en colaboración coa asociación Gaikai, á que desde o Concello se lle agradeceu un ano máis a súa implicación. As flores que se realicen neste obradoiro son as que –xunto con outras naturais- se tirarán ao cauce do río Freixeiro –no parque fluvial- o vindeiro luns, día 8, no transcurso da Cerimonia do Río, que dará comezo ás 12.30 horas. A través desta cerimonia o pobo xitano homenaxea ás vítimas xitanas da Segunda Guerra Mundial, recordando a través do río a transhumancia do colectivo e lanzando flores para simbolizar o discurrir da vida. Nesta cerimonia, á que poden asistir todas as persoas que o desexen, ofrecerase un café xitano e poderase escoitar a actuación dun rapaz de etnia xitana exalumno da Escola de Música Moderna de Narón.
O propio Día Internacional do Pobo Xitano, o vindeiro luns, antes da Cerimonia do Río terá lugar no Concello unha homenaxe institucional a unha persoa de etnia xitana e veciña de Narón. A cita, que presidirá a alcaldesa,
Marián Ferreiro, e á que están convidados os portavoces dos grupos políticos municipais, ademáis de representantes do colectivo xitano, dará comezo ás 11.30 horas no salón de plenos. No transcurso desta homenaxe un grupo de mulleres xitanas tamén lerán uns manifestos.
“Un ano máis, e coa finalidade de promover a integración social do colectivo xitano, cunha ampla representación no municipio, conmemoraremos o Día Internacional do Pobo xitano, visibilizando ás mulleres e homes xitanos e incentivando a súa participación na vida pública”, subliñou Catalina García.