O Concello de Narón e o CFR de Ferrol organizan unha visita de colexios europeos

A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, o concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, e representantes do equipo de Educación Viaria de Narón reuníronse no Concello con Manuel Losada Cabana e María del Carmen Pérez Rico, director e asesora de linguas estranxeiras, respectivamente, do Centro de Formación de Recursos (CFR) de Ferrol, dependente da Consellería de Educación. A través do CFR de Ferrol o Concello de Narón participa no proxecto europeo On your bike! Trátase dunha iniciativa impulsada polo Consistorio de Cardiff (Gales) e coordinada polo CFR de Ferrol na que ademais do Consistorio –co equipo de Educación Viaria- se implicaron o CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, o CEIP da Solaina e o CEIP Plurilingüe Virxe do Mar. Este proxecto reunirá a vindeira semana na cidade a unhas oitenta persoas (estudantes e profesorado) procedentes de Noruega, Finlandia, Gales, Turquía, e Portugal.

Luns, día 8

En coordinación co CFR de Ferrol e outras entidades de Portugal, Turquía, Finlandia e Noruega, desenvolveranse durante unha semana varias actividades que comezarán o luns 8 de abril cunha recepción no salón de plenos aos escolares e docentes europeos e que presidirá a alcaldesa, Marián Ferreiro. Ese mesmo día, tal e como explicaron os organizadores, o colectivo participará en actividades programadas na Biblioteca Municipal, e en sesións de xogos populares na Praza de Galicia.

Martes, día 9

Na xornada do martes día 9 programouse unha visita ao CEIP da Solaina, donde os estudantes e docentes europeos coñecerán o centro e asistirán a un obradoiro de chapas, tendo tamén a oportunidade de percorrer os “corredores activos”. O martes haberá unha novidosa sesión de robótica e un obradoiro de bicicletas, nos que aprenderán a realizar reparacións básicas en colaboración co clube ciclista local Clásicos BikeWorks.

Mércores, día 10

A actividade programada continuará o mércores coa celebración da primeira edición do Congreso Internacional On your Bike!, que terá lugar a partir das 10.00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura e donde os rapaces e rapazas dos centros locais e do resto de colexios participantes verán vídeos relacionados coa educación viaria dos seus respectivos países. O obxectivo é compartir experiencias sobre o traballo que se está realizando nesta materia.

Xoves, día 11

O xoves día 11 a visita será ao CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, cunha convocatoria na que se amosarán diferentes culturas (en canto á vestimenta e comidas típicas de cada país) e cun percorrido en bicicleta do alumnado que participa no proxecto On your Bike! polo paseo de Xuvia e Neda, ata o estanque das mareas desta última localidade.

Venres, día 12

A programación rematará o venres coa visita ao CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, donde os participantes realizarán unha xincana de habilidade coa bicicleta (en grupos) e colaborarán no deseño dun pequeño circuíto de educación viaria no interior do centro educativo.

O director do CFR de Ferrol explicou que se trata de “aportar cada un os seus coñecementos na materia e o traballo que se está realizando nos diferentes países, ofrecendo unha visión global”. Así mesmo, Losada asegurou que “centrarémonos na importancia de adquirir hábitos saudables e tamén coñecer sistemas educativos doutros países para poder enriquecernos todos a través destes coñecementos”. Os centros, tal e como indicou, realizarán unidades didácticas e tamén unha guía de boas prácticas, o que lles permitirá “presumir do seu concello”, destacando o labor que desenvolve ao respecto o Concello de Narón.

Esta iniciativa forma parte do proxecto Erasmus K2, que recibe fondos da Unión Europea. Sobre a participación na mesma, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, amosou a súa satisfacción “pola oportunidade que representa para os centros educativos da cidade que participan neste proxecto transversal e multidisciplinar, no que poderemos dar a coñecer ao resto de países participantes programas tan exitosos como os Camiños Escolares Seguros, para fomentar o uso da bicicleta de camiño ao colexio, os Circuítos de Educación Viaria, o Bica e Arrinca e outras firmes apostas deste Concello en materia de educación e seguridade viaria”.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …