Deportistas de quince equipos galegos participarán mañá no XXII Trofeo de Bateis Cidade de Narón

Ramón Romero e Ignacio Cabana en rolda de prensa | Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, Román Romero, e Juan Ignacio Cabana, directivo do Club de Remo Narón, presentaron esta mañá a vixésimo segunda edición do Trofeo de Bateis Cidade de Narón, organizado polo Club de Remo Narón en colaboración co Concello. A cita deportiva terá lugar mañá sábado, entre as 16.00 e as 20.00 horas na enseada da Gándara, tal e como avanzou o edil naronés. Romero animou ás veciñas e veciños a asistir a esta convocatoria para desfrutar dunha xornada de deporte e lecer na cidade.

Un total de quince equipos galegos participarán neste trofeo, que confía en reunir a uns 350 remeiros, según indicaron desde o clube naronés. A maiores do anfitrión, o Club de Remo Narón, participarán no XXII Trofeo de Bateis Cidade de Narón, tal e como explicou Cabana, a Agrupación Deportiva Esteirana; os Clubes de Remo de Ares, Puebla, Cedeira, Perillo, A Cabana-Ferrol, Rianxo, Cabo de Cruz, Náutico de Boiro, Celeiro, Mera, Náutico de Riveira, Muros e o Club do Mar Mugardos.

Os equipos competirán en tódalas categorías, tanto femininas como masculinas: cadete, xuvenil, absoluta, senior masculino, veteráns e, se as condicións meteorolóxicas o permiten, tamén se disputará a regata de alevíns. As probas discurrirán pola enseada da Gándara, nun campo de regatas de 600 metros de longo e 200 de ancho. Ao remate, sobre as 19.30 horas, entregaranse trofeos aos primeiro, segundo e terceiro clasificado da xeral por clubes.
Juan Ignacio Cabana agradeceu a colaboración do Concello naronés para poder levar a cabo un ano máis na cidade este evento deportivo.

O concelleiro de deportes de Narón destacou a consolidación deste Trofeo de Bateis, que este ano alcalza na cidade a súa vixésimo segunda edición, e tamén o gran número de remeiros e remeiras que reúne ano tras ano este evento, destacando o labor que se realiza desde o clube naronés.

Lea también

Contundente victoria del BBCA masculino ante Maristas en su primer partido en Caranza

Debutaba el Costa Ártabra ante su público el sábado ante Maristas después de haber hecho …