Uns douscentos deportistas participarán o vindeiro domingo no Duatlón Cidade de Narón

Román Romero, Marián Ferreiro e Amando Guerrero en rolda de prensa | Concello de Narón

A segunda edición do Duatlón Cidade de Narón reunirá na cidade o vindeiro domingo, día 3, a uns douscentos deportistas. A cita é clasificatoria para o campionato de España e terá a saída e a meta das probas das diferentes modalidades na rúa Camiño da Praia, que comunica o Centro Comercial Odeón co pavillón polideportivo da Gándara. O Concello colabora coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón na organización deste evento, no que tamén se implicaron as Federacións Galega e Española de Triatlón. No ano 2018 o evento estreábase na cidade coa disputa do campionato galego, e este ano a organización da un paso máis cunha proba de élite clasificatoria para o campionato de España da modalidade, tal e como destacaron desde a organización.

Ás 10.20 horas dará comezo a proba popular, de carácter autonómico e a partir das 11.45 a de promoción para prebenxamíns, esta última non competitiva. A proba de élite masculina iniciarase ás 12.00 e a da categoría feminina ás 12.05 horas. Nestas dúas últimas probas están en xogo un total de doce prazas para acceder directamente ao campionato de España, que se disputará en Soria no mes de abril.

Na proba de élite masculina participarán, entre outros, os atletas Kevin Fernández, de Asturias; Brais Canosa, de Narón (actual campión galego da modalidade); Iván de Mora, de Madrid e Rubén Sánchez, tamén de Madrid. Na categoría feminina participarán Edymar Brea, de Lugo; Laura Durán, de Madrid; Lucía Vergara, de Lugo e Ana Santiso, de Narón, entre outras atletas.

A Federación Española de Triatlón e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón deseñaron uns circuítos moi atractivos para o Duatlón Cidade de Narón, non só para os participantes, senón tamén para todas aquelas persoas que acudan a disfrutar do evento como público. A carreira a pé realizarase polas inmediacións do Centro Comercial Odeón e un espectacular segmento de ciclismo discurrirá pola zona da Trinchera, a estrada de Castela (entre a Ponte das Cabras e o cruce da Ferrolana) e as rúas Concepción Arenal e Bispo Argaya. Con motivo do paso dos atletas haberá restriccións no tráfico rodado pola zona, que estarán debidamente sinalizadas.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …