O Concello de Narón destina 639.000 euros a implantar novos servizos en Sedes e outras obras

O goberno local de Narón destinará unha partida conxunta de 639.096 euros a varias actuacións proxectadas na parroquia de Sedes. A partida máis elevada, un total de 483.108 euros, destinarase a acometer o proxecto de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Sedes, pola zona de Villallonte. A actuación, tal e como indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, permitirá dotar inicialmente deste servizo a algo máis de medio cento de vivendas localizadas na zona, se ben no futuro se poderán incorporar máis verquidos aos colectores.

A maiores, destinaranse outros 80.000 euros ao acondicionamento do local social de Sedes. “Estes traballos inclúen unha ampliación da superficie do local, en aproximadamente vinte metros cadrados, a habilitación dunha rampa exterior para mellorar a accesibilidade e tamén melloras na iluminación”, avanzou Ferreiro.

A ampliación da rede de saneamento e as melloras do local complétase, indicou, cos traballos de acondicionamento do parque localizado xunto ao local social da parroquia e que suporá ás arcas locais un desembolso de 49.988 euros. Os traballos a executar están xa adxudicados e comezarán a desenvolverse nos vindeiros días, tal e como asegurou a alcaldesa. O adecentamento desta parcela pública, adquirida recentemente polo Concello permitirá gañar un novo espazo ás veciñas e veciños da parroquia. Para dotala de máis seguridade procederase a pechar o lateral que linda coa estrada de Sedes e habilitarase unha senda de xabre, un elemento natural acorde co entorno. Así mesmo, a actuación, explicou Ferreiro, inclúe a construción dunha praza de pavimento de pedra de pizarra irregular, que se asentará sobre unha base de formigón.

O investimento a realizar tamén inclúe a desmontaxe do parque infantil do local social de Sedes. “Aproveitaranse os elementos de xogo, que están en bo estado, para o novo parque infantil, que terá unha superficie duns 170 metros cadrados e pavimento de corteza”, apuntou Ferreiro.

En canto ao apartado de xardinería plantaranse setos xunto á malla a modo de pantalla acústica e para preservar a zona do parque infantil e, a maiores, sementarase céspede. A nova área recreativa de Sedes completarase con bancos, mesas de pedra e papeleiras, así como unha fonte.

A maiores, tamén na parroquia de Sedes se procederá a contratar, con cargo ao orzamento deste ano, a adecuación da rotonda localizada na AC-112 e que presentará próximamente un novo deseño a base de céspede artificial, e outros elementos vexetais. A estrutura non sufrirá modificación algunha en canto ás súas dimensións e será obxecto dun investimento de 26.000 euros.

Representantes do goberno local trasladáronlles xa ao presidente e vocal da AVV Rosa dos Ventos de Sedes, Manuel Rico e Enrique Rodríguez, respectivamente, as actuacións que se levarán a cabo con cargo a este investimento de case 640.000 euros na parroquia. “Trátase de actuacións necesarias e moi importantes nesta parroquia, polo que desde o goberno local priorizamos estes investimentos que, de seguro, mellorarán considerablemente tanto os servizos como as instalacións na zona de Sedes”, destacou a alcaldesa.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …