O alcalde, Alberto González, avanza a celebración da I Gala do Deporte de Valdoviño

O alcalde, Alberto González, avanzou esta mañá que o Valdoviño celebrará a primeira edición da súa Gala do Deporte o 22 de marzo. Unha iniciativa coa que se queren recoñecer e pór en valor os méritos dos deportistas locais que teñan destacado especialmente ao longo do 2018, pero tamén a novas promesas e adestradores, e a entidades e persoas que contribuísen especialmente á promoción do deporte a través do seu traballo e entrega.

Deste xeito, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que serán os clubes e federacións do municipio as encargadas de presentar as candidaturas daqueles deportistas que consideren merecen estes recoñecementos. Así, o prazo abrirase este luns 25 de febreiro ata o 12 de marzo e, entre os requisitos mínimos a cumprir, está residir en Valdoviño e pertencer a algún dos seus clubes; por circunstancias especiais, estar fóra do concello e, a xuízo do clube, federación ou xurado, ser merecedor do nomeamento, ou ter algún tipo de especial vinculación co municipio.

Haberá premios en cada unha das especialidades, tanto en categoría feminina como masculina, e a maiores catro mencións especiais: mellor promesa, mellor traxectoria deportiva, mellor adestrador e mención polo traballo, adicación deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello. Así mesmo, as bases contemplan unha mención especial en caso de que así o considere o xurado por algunha circunstancia especial.

No caso da mellor promesa, enmarcaranse aqueles e aquelas deportistas que aínda non chegaron á súa plenitude deportiva, ben pola súa idade ou ben pola súa curta vida deportiva, pero que xa acadan resultados destacados na súa especialidade, o que fai pensar que si son capaces de progresar ao longo dos próximos anos e que se consolidarán como grandes deportistas. Ademais, deberán cumprir os requisitos comúns de todas as categorías. Na mellor traxectoria deportiva inclúense aqueles e aquelas deportistas que estean totalmente formados e consolidados deportivamente e que a súa transición dende as categorías de base ata a actualidade fora marcando unha traxectoria ascendente ata consolidarse como grandes deportistas. Ademais, deberán cumprir os requisitos comúns de todas as categorías.

Cada clube ou federación poderá presentar un máximo de dúas categorías por disciplina. Ademais, os impresos de candidatura poderán descargarse da web municipal e haberá que entregalos na casa consistorial -no rexistro ou na oficina da Concellería de Deportes- de 9 a 14 horas. O impreso, debidamente cuberto, virá acompañado dun CD coas fotografías dos nomeados en formato JPG (a poder ser desenvolvendo a actividade deportiva).

Por último, as bases poden consultarse na web municipal www.concellodevaldovino.com.

Lea también

En un partido difícil ,pero sin mordiente, tras el fallo de un penalti a favor del Racing, finaliza con el 0-0 en el marcador

(Amboage)-Un partido difícil al que se enfrentó el Racing de Ferrol en la noche de …