O Concello de Narón impulsa o programa «Fóra de xogo» sobre prevención da ludopatía en menores

O Concello de Narón impulsa o proxecto, Fóra de xogo, de prevención da ludopatía en menores. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as concelleiras de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron na mañá deste mércores a iniciativa, que se estrutura en tres ámbitos de actuación: escolar, familiar e social. “A través do programa Fóra de xogo trataremos de contribuír a frear o problema da ludopatía en menores e as súas consecuencias, apostando por previr e erradicar este tipo de condutas”, explicou Ferreiro.

A alcaldesa incidiu en que se trata dunha proposta pioneira no ámbito das administracións públicas e explicou que se dirixe a preto de setecentos escolares de terceiro e cuarto curso de ESO de centros de ensino de Narón, baseándose en tres sesións en horario lectivo de case unha hora de duración cada unha nas que se aborda esta problemática. Este programa ofrécese aos centros educativos públicos e concertados da cidade para levar a cabo en horario lectivo, dispoñendo ata o 26 de febreiro para adherirse. Nesta primeira fase do proxecto, e co obxectivo de coñecer o impacto do xogo con apostas dos mozos e mozas neste concello, realizarase unha enquisa anónima que terá carácter de estudo científico, en colaboración con Antonio Rial Boubeta, experto en metodoloxía de investigación en Ciencias Sociais e da Saúde. Os contidos neste ámbito de actuación abordarán que é a ludopatía, hábitos no xogo, toma de conciencia dos riscos e consecuencias e qué facer cando é un problema.

No ámbito familiar, indicou, está dirixido aos pais e nais participantes nas Escolas de Familia impulsadas a través do Programa Municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola. Nesta área impartiranse obradoiros informativos e preventivos sobre a ludopatía do século XXI, características do xogo das apostas, o perfil dos menores e identificación de sinais de alerta, entre outros.

E no ámbito social, é aberto á cidadanía a través dunha mesa redonda sobre “Menores e ludopatía: cando o xogo deixa de selo”. Na mesma participarán varios relatores e relatoras en ludopatía en menores: Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social; Belén Montesa Lou, Psicóloga e terapeuta xeral sanitaria e Anabel Mosquera González, Pedagoga. A convocatoria terá lugar o 23 de maio a partir das 20.00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura.

Este programa xorde ante a inquedanza e alarma social que nos últimos tempos está producíndose e coñecemos a través dos medios de comunicación e de profesionais da educación e da psicoloxía sobre o incremento alarmante de inicio no xogo con apostas por parte de menores, derivando moitos deles en condutas aditivas e, en definitiva, en ludopatía.

É importante que desde as administracións poidamos dar unha resposta o máis rápida posible para frear canto antes este tipo de condutas, poñendo a disposición da cidadanía recursos como este programa municipal que se desenvolverá entre os meses de marzo e maio deste ano”, apuntou Ferreiro.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …