Iniciadas as obras de humanización da zona das Vivendas da Mariña, en Narón

O Concello de Narón destinou unha partida de 126.342 euros a acometer os traballos da primeira fase da humanización de viais nas Vivendas da Mariña de Santiago Apóstol. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, visitaron a zona na que se executa desde hai uns días parte desta actuación urbanística que, tal e como indicou a rexedora local, “permitirá renovar as beirarrúas, ancheándoas, e tamén reparar os viais para que o espazo sexa totalmente accesible”. Esta primeira fase do proxecto contempla obras na rúa paralela á estrada de Castela e nas rúas Illa San Vicente e Illa Creba. A rexedora local asegurou que “os traballos están avanzando a moi bo ritmo co que a humanización deste núcleo de vivendas será moi axiña unha realidade á espera de que se contrate e acometa a segunda fase das obras, actualmente en proceso de licitación e que en conxunto suporán un investimento duns 500.000 euros”.

Operarios da empresa adxudicataria destes traballos demoleron esta semana un tramo das beirarrúas do vial paralelo á estrada de Castela para executar unhas novas de formigón. Estas tarefas complementaranse coa elevación do vial de circulación ata a cota das beirarrúas, co que tal e como se deseñou no proxecto, permitirá formar unha plataforma única. “Con esta intervención apostamos por dar preferencia en todo momento aos peatóns, tendo en conta que o tráfico de vehículos na zona non é intenso, polo que se ampliará o espazo das beirarrúas”, explicou a alcaldesa. “As tarefas –indicou- completaranse coa plantación dun total de dezaseis árbores, así como a sinalización da zona de preferencia peonil e de prazas de estacionamento e a instalación de mobiliario urbán (bancos e papeleiras)”.

As Vivendas da Mariña construíronse na pasada década dos anos 50 e conservan o pavimento de adoquín nos viais interiores. “O Concello acometerá nesta zona un proxecto piloto que inclúe unha segunda fase, para actuar nas ruas Alfonso X El Sabio, Luis Pimentel e San Simón, cun proxecto que se atopa actualmente en proceso de licitación por un importe duns 412.000 euros”, apuntou Ferreiro.

A alcaldesa destacou que “o compromiso do goberno local por avanzar na humanización da cidade supón un esforzo inversor moi importante e que permitirá destinar a estas dúas fases das obras nas Vivendas da Marina de Santiago Apóstol máis de medio millón de euros, unha contía que permitirá deixar a zona totalmente accesible e, a maiores, renovando servizos como o abastecemento e o saneamento”.
“O goberno local continuará traballando nesta liña, facendo de Narón unha cidade máis inclusiva, accesible para todas as persoas e na que se reserve para os peatóns o máximo espazo posible, dándolles en todo momento prioridade sobre os vehículos sempre que sexa posible”, subliñou Ferreiro.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …