A alcaldesa de Narón visitou os camiños sensoriais instalados polo CEIP Piñeiros en colaboración co equipo de Educación Viaria

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Viaria, Guillermo Sánchez Fojo, desprazáronse xunto cos axentes Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón ao colexio de Piñeiros para comprobar o resultado final e a acollida dos camiños sensoriais habilitados en dous corredores do edificio.

Esta iniciativa materializouse tras gañar o CEIP Piñeiros un dos premios da Xunta de Galicia Proxecta de Innovación Educativa 2018, dotado con 4.000 euros, tal e como recordou a directora do colexio, María Belén Franco, que acompañou aos representantes do Concello, que puideron comprobar como  alumnos do centro completaban o circuíto, con varias indicacións en materia de educación viaria e tamén a reciclaxe.

A alcaldesa felicitou á directora do centro polo premio recibido e esta última, pola súa parte, agradeceu a colaboración prestada desde o Concello para poder instalar os camiños sensoriais. Sobre os mesmos os responsables do equipo de Educación Viaria de Narón recordaron que se trata “duns percorridos lúdicos e que permiten desenvolver as capacidades psicomotrices dos menores, ao mesmo tempo que as intelectuais”.

Simulacións de pasos de peóns, da colocación de residuos nos contenedores axeitados, semáforos, labirintos, indicacións para montarse en bici –coller o casco e poñelo previamente- ou no coche –subir e poñer o cinturón de seguridade-, sinais de stop, simular o paso por un túnel –camiñando agachados-, etc. forman parte deste peculiar circuíto. Os alumnos realízando cando entran e saen do centro escolar e tamén na hora de ir ao recreo.

A alcaldesa valorou o traballo realizado e a importancia de continuar apostando, tal e como se ven facendo desde hai moitos anos en Narón, pola educación viaria desde as aulas. “Estes camiños sensoriais funcinoan a modo de circuítos psicomotrices e son unha nova aposta na que colaborou o Concello, neste caso co colexio de Piñeiros, e que á vista do éxito acadado analizaremos a viabilidade de implantar paulatinamente no resto de centros educativos da cidade”.

Outra das novas apostas do colexio de Piñeiros, con cargo ao premio que obtivo, foi a colocación no recinto escolar dunhas estruturas con forma de seta nas que os nenos e nenas poden deixar os seus patinetes. Polo momento hai instaladas tres, pero Marián Ferreiro xa lle avanzou á directora do centro que se instalará unha máis, coa que está previsto cubrir a demanda actual, e tamén a colocalas no resto dos centros de ensino da cidade nos que están operativos os Camiños Escolares Seguros (A Solaina, Ponte de Xuvia e Jorge Juan).

Somos un Concello punteiro en materia de Educación viaria e isto é grazas ao traballo que se está realizando desde a administración local e tamén á colaboración tanto dos pais e nais e dos menores como das direccións e Anpas dos centros educativos, que desde o primeiro día facilitaron o traballo impulsado desde o Concello e implicáronse ao cen por cento”, subliñou Ferreiro.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …