A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e as concelleiras de Acción Social e Promoción Social, Catalina García e Teresa Sabio, respectivamente, reuníronse no Concello con representantes dos traballadores da firma Cogami Reciclado de Galicia SL. (Coregal), cuxos responsables anunciaron para comezos do vindeiro mes de marzo o peche das instalacións localizadas no polígono industrial de Río do Pozo.
Os empregados de Coregal –un plantel formado na actualidade por seis persoas- trasladáronlle ás representantes do equipo de goberno a situación actual e a súa preocupación pola posible perda dos seus postos de traballo. Así mesmo, incidiron na necesidade de que a compañía os reubique noutros centros próximos, no caso de que finalmente se leve a cabo o anunciado peche da planta de Narón.
Pola súa parte, Marián Ferreiro e as dúas edís da corporación local trasladáronlles o seu apoio e o do resto dos integrantes do goberno local aos traballadores e coincidiron con eles en lamentar o anuncio realizado polos responsables de Coregal hai unhas semanas para pechar as instalacións de Río do Pozo, desde donde comezou a súa actividade no ano 2010.
A alcaldesa tomou nota situación explicada polos traballadores e comprometeuse ante eles a manter unha xuntanza cos responsables da empresa para abordar a situación trasladada polos representantes do plantel de Coregal, confiando en que ambas partes poidan chegar a un entendemento. “Desde o equipo de goberno de Narón queremos trasladar o noso máximo apoio aos traballadores desta empresa e faremos o posible para que ambas partes, empresarios e empregados, cheguen a un acordo que permita alomenos manter os postos de traballo do plantel de Río do Pozo nesta comarca de producirse o peor dos casos, que sería a materialización dese anunciado peche das instalacións de Coregal”.
A rexedora local lamentou esta decisión, confiando na súa posible reversión, dado que, indicou “se trata dunha compañía que a maiores cumpre unha importante función social co colectivo de persoas con algunha discapacidade ao ofrecerlles unha oportunidade laboral”, subliñou Ferreiro.