Máis de 300 persoas participarán o vindeiro domingo no “I Cross Popular Muíño de Pedroso” organizado polo Concello e a AD Náutico de Narón

Amando Guerrero, Natalia Hermida e Román Romero en rolda de prensa | Concello de Narón

O Concello de Narón e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón organizan a primeira edición do “Cross Popular Muíño de Pedroso” en colaboración coa delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo. Os concelleiros de Deportes e Turismo, Román Romero e Natalia Hermida, respectivamente, e o presidente da AD Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron esta mañá o evento, que terá lugar o vindeiro domingo, día 20, en Pedroso. Un total de 329 persoas, de diferentes idades, participarán nesta cita, que se convoca coa finalidade de promover o deporte e tamén para dar a coñecer o patrimonio da cidade, neste caso concreto da parroquia de Pedroso.

Na categoría absoluta masculina inscribíronse 163 persoas e na feminina 59, se ben na de menores están rexistrados un total de 107 rapaces e rapazas. O punto de saída establecerase nas inmediacións da área recreativa de Pedroso tendo lugar a da categoría absoluta masculina ás 13.30 horas e a feminina ás 12.55 horas. As distancias a percorrer son as establecidas en cada caso para este tipo de probas desde a Federación Galega de Atletismo. As carreiras dos menores de idade comezarán ás 11.00 horas. Os tres primeiros clasificados de cada categoría (Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Sub 16, masculino e feminino) recibirán unha medalla; os tres primeiros da absoluta masculina e da absoluta feminina un obsequio ou trofeo e os da Sub 8 unha medalla pola súa participación. O presidente da AD Náutico de Narón agradeceu a colaboración do Concello para poder convocar este evento na cidade, confiando en que poida ter continuidade con vindeiras edicións.

A celebración deste cross implica unha serie de restricións de tráfico na zona na que se desenvolverá, tal e como se anunciou desde o Speis de Narón. Na ponte que pasa sobre a autovía en dirección ao muíño de Pedroso estará restrinxido o acceso a pé e habilitaranse unha serie de áreas de estacionamento –a uns 500 metros da zona do evento- que poderán utilizar tanto as persoas que participen no cross como os seus acompañantes. O acceso será a pé desde as zonas habilitadas para establecer medidas de seguridade e permitir o acceso a ambulancias e bombeiros en casos de emerxencia, polo que só poderán acceder con vehículos os corpos de seguridade, persoal médico da proba, bombeiros, Protección Civil e representantes da organización.

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, destacou que o evento “supón unha magnífica oportunidade para coñecer unha das rutas turísticas da cidade, como nesta ocasión un tramo da dos Muíños, apostando así pola súa posta en valor desde o goberno local”. Pola súa banda, o edil de Deportes destacou a elevada participación nesta primeira edición do Cross Popular Muíño de Pedroso e convidou á cidadanía a desfrutar do mesmo desde os espazos habilitados para tal fin, atendendo en todo momento ás indicacións da organización.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …