A alcaldesa de Narón e a edil de Formación entregaron os diplomas dunha vintena de cursos do Programa Municipal de Formación 2018

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, entregaron na mañá deste venres no Auditorio municipal os diplomas de dezanove cursos do Programa Municipal de Formación realizados entre os meses de agosto e decembro deste ano. Estas accións formativas ofertáronse a un total de 271 persoas, das que 208 resultaron finalmente aptas e foron convocadas para recibir hoxe os diplomas que acreditan as titulacións realizadas. Ferreiro e Hermida felicitaron aos homes e mulleres que remataron estes cursos e animáronos a continuar formándose para ter máis facilidades de cara a acceder ao mercado laboral e á busca dun emprego.

Os cursos do Programa Municipal de Formación deste ano realizados desde o pasado mes de agosto foron de: Medio Ambiente no Naval e Prevención de Riscos no Naval; Traballos en altura e verticais; Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos; Primeiros auxilios; Xestión de almacén (con UNE carretillas e PEMP); Limpeza industrial; Preparación obtención permiso C e CAP; Preparación e obtención permiso D e CAP; Fontanería básica; Auxiliar de Cociña e de servizos en hostalería; Cultivos baixo abrigo e manexo de produtos fitosanitarios e Soldadura TIG e MIG, este último subvencionado polo Ministerio de Presidencia. Da área Cemit entregáronse os diplomas, dese mesmo período, dos cursos de Internet e correo electrónico; Tratamento de textos; Follas de cálculo; Bases de datos; Presentacións gráficas; Iniciación á contabilidade e á facturación e Presentacións dixitais eficaces.

A alcaldesa agradeceu a colaboración prestada polas empresas nas que o alumnado realizou, en función dos cursos elixidos, as prácticas, naqueles casos nas que se incluían no programa formativo. “Queremos agradecer a implicación das empresas por darlles unha formación práctica e tamén, nalgúns casos, por ofrecerlles un contrato de traballo ao rematar ese período de prácticas”. Así mesmo, valorou o convenio que o Concello mantén co IES Leixa de Ferrol, a través do que se realizaron os cursos de Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos e Primeiros Auxilios.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …