O Concello destinará 589.000 euros do POS+ 2019 a un campo de fútbol de herba artificial en Río Seco

O Concello de Narón aprobou este mércores nun pleno extraordinario, celebrado ás 10.00 horas, a proposta para participar no Plan Único dos Concellos (POS+ 2019) da Deputación da Coruña. O tripartito naronés (TEGA, PSOE e BNG) e o portavoz de EU aprobaron os investimentos a realizar con cargo a este plan provincial, entre os que está a construción dun campo de fútbol de herba artificial en Río Seco e tamén actuacións de mellora de eficiencia enerxética na zona rural. En conxunto os investimentos que cofinanciarán as administracións provincial e local suporán unha partida de 589.849,31 euros. A gasto corrente destinaranse 646.396,89 euros do POS+ 2019, o que supón unha partida global con cargo a este plan de 1.236.246,20 euros para a cidade.

Campo de herba artificial

Os traballos de construción do novo campo de herba artificial, cuxo proxecto se dará a coñecer nos vindeiros días, están orzamentados en 488.408 euros, dos que a administración provincial sufragaría 418.332,51 e o Concello os 70.076,37 restantes. Respecto a esta actuación, o portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que se trata dunha obra necesaria na cidade. “Nos últimos anos está incrementándose o número de persoas que practican fútbol e temos un campo de herba natural en Río Seco con moita actividade, polo que ao construír o de herba artificial nunha parcela anexa poderemos darlle ao actual un tempo de descanso necesario para o coidado da herba natural, que precisa estar nas condicións óptimas para convocar partidos das categorías superiores”. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, lamentou que os edís do PP non votasen a favor da construción destas novas instalacións deportivas, recordando que eles mesmos propuxeron no seu programa electoral do ano 2015 a construción dun campo de herba sintética en Río Seco. O portavoz do Partido Popular sinalou que eles non se opoñían a un campo de herba artificial pero insistiron en que, do mesmo xeito que outros municipios da zona, podería negociarse un convenio nominativo con Deputación e por elo decidiron absterse.

Melloras enerxéticas e saneamento

No que respecta ás actuacións incluídas neste plan sobre melloras na eficiencia enerxética, están programadas nos alumeados de As Viñas (San Mateo); A Fraga (San Xiao) e Braña (Doso) e suporán un investimento en conxunto de 101.440,80 euros, dos que a Deputación sufragará 86.886 euros e o Concello os outros 14.554,62.

En canto ao Plan Complementario do ano 2019, inclúese a ampliación da rede de saneamento no lugar de Ferrerías-Prados, na parroquia de Sedes, orzamentado en 554.236,77 euros.

Ordenanzas fiscais

A maiores das propostas do Concello de Narón para o POS+ 2019 no pleno desestimáronse as alegacións presentadas a once ordenanzas fiscais, quedando aprobadas definitivamente, cos votos a favor do tripartito e do portavoz de EU. Do total, en dez casos tratábase de modificacións realizadas nas mesmas: Xeral de Xestión, recadación e inspección; Reguladora do Imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana; Reguladora da taxa de auga potable e das taxas por servizos prestados polo Servizo Sociocomunitario e pola prestación do de Axuda no Fogar; reguladora do Imposto de Bens Inmobles; do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras; a de Utilización de instalacións deportivas, a de Prestación dos servizos das escolas infantís municipais e a da Inmobilización de vehículos na vía pública e pola retirada, traslado e depósito de vehículos da vía pública.

Así mesmo, aprobouse definitivamente a imposición e ordenación da ordenanza que regula a taxa pola prestación do Servizo de acompañamento a transportes especiais pola Policía Local. Todas elas entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2019

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …