O Concello de Narón colabora un ano máis coa Asociación de Comerciantes de Narón (ACN) na campaña «Comercio de Narón, en Nadal e sempre». O edil de Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño, presentou na mañá deste martes a iniciativa acompañado por María Yáñez e Eva Pena, presidenta e tesoureira, respectivamente, da ACN. Gómez Fandiño explicou que este ano están xa adheridos á campaña un total de 112 establecementos comerciais da cidade, que sortearán varios agasallos entre a clientela ata o próximo 7 de xaneiro.
“Desde o Concello estamos moi orgullosos de contar con 112 establecementos inscritos nesta campaña, da que xa se repartiu material promocional e que entregará á clientela uns tickets cos que participarán no sorteo de varios agasallos”, apuntou o edil, que recordou que aqueles locais interesados en adherirse poden aínda facelo (estean ou non asociados á ACN) a través da páxina web da Asociación de Comerciantes de Narón: http://www.comerciodenaron.es/paxinas/eventos/campana-nadal-2018.php?lang=GL.
A presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón explicou que se sortearán un total de catro cestas de Nadal -as dúas primeiras a vindeira semana e as segundas a última deste mes- e catro vales de compra, dous por importe de 500 euros e outros dous de 300, para canxear nos establecementos adheridos á iniciativa -tralo sorteo que se realizará a principios de xaneiro-. A clientela deberá cubrir uns tickets que se entregarán coas compras e se depositarán nas urnas dos locais para proceder a realizar os respectivos sorteos, tal e como apuntou Yáñez.
O Navitren
Así mesmo, un ano máis estará operativo o Navitren da ACN, que percorrerá a estrada de Castela do 26 ao 29 deste mes. Funcionará de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas, con saídas da Praza de Galicia e dúas rutas, unha máis longa, ata a igrexa de Santa Rita (Xuvia) e dando a volta na Ponte das Cabras (no límite co municipio de Ferrol), e outra máis curta da Praza de Galicia ata Freixeiro e con volta tamén na Ponte das Cabras. Os tickets para viaxar no Navitren repartiranse de balde polas compras nos establecementos adheridos á campaña, pero tal e como indicou a presidenta da ACN, tamén se poderán adquirir, a un prezo dun euro, no propio Navitren ao inicio das viaxes. “No caso de que o número de viaxeiros supere as prazas do Navitren terán sempre prioridade as persoas que teñan os convites que se entregarán nos establecementos adheridos á campaña”, recalcou María Yáñez.
En representación tamén da Asociación de Comerciantes de Narón, Eva Pena afirmou que “a campaña vai ser un éxito porque á xente encántalle mercar en Narón pola variedade de comercios que hai”, e asegurou que “nós esmerámonos en tratar ben á clientela e en facer cidade”. Pena agradeceu en nome da ACN a colaboración do Concello de Narón nesta iniciativa, así como noutras que se convocan ao longo do ano e tamén á clientela da cidade e comarca que se decanta “por comprar nas nosas tendas e acordarse do pequeno comercio”.
Finalmente, Gómez Fandiño, que animou á veciñanza de Narón e comarca a mercar nos comercios locais, dos que destacou a calidade e variedade de produtos que ofrecen, comprometeu o respaldo do goberno local ao sector comercial da cidade. O responsable da área de Promoción Económica en Narón subliñou a importancia de apostar por este tipo de iniciativas e impulsar “a xeración de emprego e as iniciativas que contribúen a dinamizar a cidade”.