As concelleiras de Acción Social e Promoción Social, do concello de Narón, Catalina García e Teresa Sabio, respectivamente, desprazáronse ao barrio da Solaina, en Santa Icía, para homenaxear a un veciño, Salvador Rodeiro Seco, que o pasado día 16 cumpriu cen anos. Aínda que natural de Maniños (Fene), reside en Narón desde o ano 2007.
Casado con Eva Villamil Barreiro, que cumprirá 90 anos o 4 de decembro e con quen convive, tiveron dúas fillas, María de la Asunción e Eva María, e teñen tres netos. Salvador recorda os tempos duros da Guerra, cando estaba a piques de alcanzar a maioría de idade e asegura que nesta vida “fixen de todo”. Extraballador da Fábrica de Lápices de Ferrol, decantouse finalmente pola ebanistería, exercendo como un moi bo carpinteiro xunto cun irmán seu nun taller de Fene.
As concelleiras naronesas felicitaron a Salvador Rodeiro con motivo do seu centenario e entregáronlle unhas plantas como agasallo e tamén unha tarta, na que soprou novamente este venres as velas do seu centenario. O homenaxeado conversou animadamente coas edís xunto á súa muller e a súa filla Eva María e agradeceulles a visita e tamén os agasallos. Pola súa banda, García e Sabio tamén lle agradeceron a acollida e desexáronlle que continúe cumprindo anos con tanto ánimo e saúde como ata agor