Este venres remata a XXXIV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón con unha representación no Santiago Apóstol

A compañía Teloncillo desprázase esta semana as escolas infantís municipais e á unidade de Infantil do CPR Santiago Apóstol para interpretar a obra teatral La granja. As representacións, que o pasado mércores tiveron lugar na escola infantil de Piñeiros, o mércores na da Solaina e este xoves na da Gándara, enmárcanse na XXXIV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil impulsada desde o Padroado da Cultura de Narón, tal e como recordou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada. Na xornada de este venres rematarán as representacións coa prevista na unidade de Infantil do Santiago Apóstol, a partir das 10.00 horas.

Os nenos e nenas de 0 a 3 anos, uns 250 en total nos catro centros, asisten á representación de La Granja, un espectáculo que permite simular a vida dun día nunha granxa, cos animais, produtos do campo e todo o necesario para ambientar a obra, cargada de música en directo, poesía, silencio, maxia e moitas sorpresas. Maruja a granxeira é a protagonista desta obra, na que tamén participan personaxes como unha loba, unha ovella, porquiños e outros animais. La Granja é o sétimo espectáculo da compañía vallisoletana Teloncillo (Premio Nacional de Artes Escénicas para a infancia e xuventude 2013) para o público infantil (primeira infancia) e obtivo o premio ao Mellor Espectáculo para a Primeira Infancia Fetén 2018.

O Pazo da Cultura, o Auditorio municipal e as escolas infantís municipais, xunto co colexio Santiago Apóstol acollen as representacións desta trixésimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Os espectáculos desta Mostra comezaron o pasado mes de outubro e rematarán esta semana co alumnado de Infantil. Escolares de centros de ensino de Narón e doutros concellos da comarca (Ferrol, Fene, Neda, Narón, San Sadurniño, Pontedeume, Ares, Mugardos e Valdoviño) asistiron ás representacións convocadas no Pazo ou no Auditorio.

A Mostra incluíu unha exposición sobre a traxectoria da compañía Os Monicreques de Kukas, que aínda se pode ver ata o día 10 de decembro na entrada do Pazo da Cultura, no seu horario de apertura habitual. A maiores, no marco desta XXXIV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil celebrouse o pasado luns unha mesa de traballo, á que asistiron uns 150 alumnos e alumnas da Escola de Teatro de Narón e na que a actriz canaria Marta Viera e o director de escena Mario Vega abordaron co colectivo como construír un personaxe e o modo de estruturar unha dirección artística.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …