Narón edita coa Asociación Memoria Histórica Democrática a publicación “A pandemia de gripe en Narón en 1918”

Instante da reunión | Concello de Narón

A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática, para entregarlles exemplares da publicación “A pandemia de gripe en Narón en 1918”. O presidente da entidade, Manuel Fernández, o historiador Enrique Barrera e Eduardo Ponce e Fernando Ocampo, integrantes da citada asociación, amosaron a súa satisfacción polo resultado final desta publicación realizada con datos recompilados desde Asociación Memoria Histórica Democrática.

O centenar de exemplares distribuiranse nos colexios e institutos da cidade e tamén nas asociacións veciñais da zona urbana e rural, tal e como avanzou a concelleira. “Nos centros educativos poderán traballar con esta publicación a modo de unidade didáctica, para coñecer máis esa pandemia de gripe que no ano 1918 se cobrou tantas vidas no noso concello e nesta comarca”, explicou. Así mesmo, coa entraga ás entidades veciñais “desde o Concello contribuiremos a incrementar o seu fondo bibliográfico, poñendo a disposición os exemplares para que calquera veciño ou veciña que queira consultalos poida facelo sen problema”, apuntou Espada.

O autor do texto publicado, Enrique Barrera, incidiu en que os feitos relatan a historia “dunha pandemia mundial que aquí foi seguramente máis mortífera non tanto polo número de falecidos, senón porque se concentraron os feitos en dúas ou tres semanas”. O historiador asegurou que naquela época “non houbo ningún protocolo de actuación e non se fixo nada por evitar esta epidemia» e explicou que “as condicións de Narón non foron demasiado malas porque ao ser unha zona rural era máis saudable que o resto”.

Esta publicación céntrase nunha parte da historia, concretamente no ano 1918, cando unha mortífera cepa de gripe matou a millóns de persoas en todo o mundo. Na mesma reflíctese a incidencia destes feitos na cidade, donde esta praga letal se cobrou varias vidas, tal e como constatan os datos recompilados.

Sobre o resultado do traballo, o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández, incidiu en que está “moi satisfeito” e destacou que o traballo se enmarca “nunha liña distinta á da reivindicación das represalias polo franquismo pero que consideramos de gran interese Enrique e eu ao ver no Rexistro Civil de Narón o elevado número de mortos rexistrados ese ano, considerando que era interesante publicalo”.

A edil recalcou que “o obxectivo desta colaboración entre o Concello e a Asociación Memoria Histórica Democrática é transmitir eses coñementos históricos en tódolos ámbitos, educativo, cultural, social…” e felicitou á Asociación Memoria Histórica Democrática polo seu labor.

Lea también

Denuncian ante el SEPRONA un depósito ilegal de uralitas en un camino forestal de San Sadurniño

El  concello de San Sadurniño ha presentado una denuncia ante el Seprona de la Guardia …