Concello de Narón e Universidade asinan un convenio de colaboración para o transporte universitario

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou na mañá deste venres no Concello xunto co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o convenio de colaboración para o transporte universitario de veciños e veciñas de Narón aos centros da UDC no campus da Coruña. A vixencia deste acordo será por un prazo de catro anos, para os cursos 2018-2019; 2019-2020; 2020-2021 e 2021-2022 e a previsión de gasto máximo do Consistorio ascende, en conxunto, a 98.340 euros. Ao acto asistiu tamén a concelleira de Ensino da cidade, Mercedes Taibo.

O Concello de Narón manterá este convenio para regular as axudas aos universitarios e universitarias empadroados en Narón e matriculados en facultades da UDC do campus da Coruña e que se despracen a diario á cidade. A alcaldesa recordou que se subvencionarán as viaxes de ida e volta no mesmo día, quedando excluídas as realizadas en fins de semana e días non lectivos. O Concello sufragará o 20% do custe total do billete; a UDC o 30% e os universitarios e universitarias o 50% restante, tal e como figura no acordo. Para poder acceder a esta axuda é preciso ademais que as persoas que o soliciten non superen os umbrais de renda establecidos polo Ministerio de Educación.

Ferreiro destacou que este convenio coa UDC  “permitirá ás universitarias e universitarios de Narón que se desprazan a diario á Coruña unha considerable rebaixa nos gastos ocasionados polo transporte durante o curso académico” e sinalou tamén a importancia de continuar renovando este acordo coa Universidade.

Lea también

La Xunta licita por 1,6 millones las obras para convertir una entreplanta en Narón en 14 viviendas públicas

La Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ha dado un paso para ampliar el …