O concelleiro de Promoción Económica de Narón, Xosé Gómez Fandiño, anunciou que un total de oito establecementos de hostalería da cidade participarán este mes na segunda edición das Xornadas da Anguía, organizadas polo Concello a través do Club Narón Gastronómico. A partir deste venres e ata o domingo 21 e desde o 26 ao 28 de outubro –a vindeira fin de semana- os establecementos Anacos, A Roldana, A Trasanquesa, Gastrobar Piñeiros, o Hotel Valcarce, Mamá Flora, Nueva Orleáns e o Restaurante Marcial servirán no seu menú algún prato con anguía como ingrediente principal, tal e como indicou o edil.
Gómez Fandiño animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a visitar durante esas datas os establecementos participantes e degustar alí as diferentes propostas gastronómicas elaboradas con anguía do Xuvia. “Durante estas dúas fins de semana ofertaranse pratos con este peixe como ingrediente principal no marco destas xornadas, se ben cabe a posibilidade de que os hostaleiros amplíen, pola súa conta, as datas nas que o servirán no seu menú”, indicou.
O concelleiro de Promoción Económica recordou que, a maiores desta proposta, o vindeiro 8 de novembro terá lugar a presentación do proxecto Anguía do Xuvia, cunha degustación incluída, no Café Teatro do Pazo da Cultura e a partir das 19.00 horas. “Poderán asistir tódalas persoas interesadas en coñecer un pouco máis as posibilidades culinarias da anguía, ata completar o aforo das instalacións”, asegurou.
O Concello de Narón acadou o pasado ano unha subvención do Fondo Europeo Marítimo de Pesca de 42.955 euros destinada ao proxecto de “Dinamización da Anguía do Xuvia”. A iniciativa presentouse a través do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) e estruturouse en dúas anualidades, polo que no 2017 se investiron 7.000 euros para realizar un traballo de campo e impulsar o consumo de anguía do río Xuvia. Este ano o Concello recibirá o resto do financiamento, 35.955 euros, unha cantidade coa que, “se impulsará unha rede de establecementos de hostalería da cidade que leven o distintivo creado, “Anguía do Xuvia” e tamén diversas iniciativas encamiñadas a promocionar este peixe.