Unha vintena de viais da zona urbana e rural do municipio de Narón serán obxecto nas vindeiras semanas de melloras no firme valoradas, en conxunto, en 256.000 euros, tal e como avanzou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.
Na avenida do Mar
A primeira das intervencións previstas con cargo a esta primeira fase dos traballos iniciarase este domingo nun tramo da Avenida do Mar, na Gándara. Neste caso concreto as obras suporán un investimento duns 90.000 euros, unha partida, indicou Ferreiro, “que permitirá aglomerar o tramo comprendido entre as instalacións da ITV e a curva donde se localizaba a antiga nave da empresa Leyma”.
A alcaldesa explicou que a actuación da avenida do Mar comezará este domingo pola noite e prolongaranse durante a madrugada do luns, reabríndose o vial ao tráfico a primeiras horas da mañá do día 8. “Nese período de tempo é cando se ocasionarán menos molestias ás persoas que transitan pola zona, xa que circulan menos vehículos e así minimizaranse as molestias que sempre conlevan este tipo de traballos”, asegurou. Estas tarefas, indicou, complementaranse coa mellora dos pasos peonís localizados nese tramo, sobreelevando un total de tres con rampas e sinalización adaptada á normativa vixente.
Os traballos da avenida do Mar dan continuidade a unha intervención que se levou a cabo a principios deste mesmo ano, cunha actuación similar nun tramo duns 300 metros liñais, recordou a alcaldesa.
En varios viais das zonas urbana e rural
Unha vez que finalice esta obra, darán comezo o resto das adxudicadas en varios viais da zona urbana do municipio e tamén algúns das parroquias de San Mateo e O Val, avanzou Ferreiro. Entre os mesmos están as melloras no firme das rúas: Ferrol, Bispo Argaya, Olimpia Valencia, Colmeote, Tui, A Garda, San Andrés, García Sabel, Rosalía de Castro, Río Ulla, Quintá, Camiño da Veiga, e a zona dos institutos.
“Desde o goberno local continuamos destinando importantes partidas ao mantemento das infraestruturas da nosa cidade, priorizando neste caso os viais que rexistran elevadas densidades de tráfico e nos que o deterioro é máis acusado, como é o caso da avenida do Mar”, explicou a alcaldesa.
“Trátase de actuacións moi necesarias que estarán rematadas nunhas semanas, ao irse executando progresivamente, e que ocasionarán algún tipo de restricións no tráfico rodado, como é habitual neste tipo de actuacións, pero que trataremos de que sexan mínimas para causar as menores molestias posibles”, subliñou Ferreiro.