Alumnado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña realizará traballos relacionados coa mobilidade urbana e interurbana en Narón

Alumnado da materia de Proxectos 4 da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e docentes da citada Facultade desprazáronse esta semana a Narón para coñecer de primeira man os emprazamentos dos traballos que realizarán no primeiro cuadrimestre deste curso 2018-2019. A alcaldesa, Marián Ferreiro e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, recibiron ao colectivo, ao que animaron a aportar a súa visión e ideas sobre o estado actual da cidade, así como a deseñar algúns proxectos de futuro vencellados á mobilidade para analizar a súa viabilidade de cara á súa posible materialización.

O curso, tal e como indicaron os profesores universitarios, está estruturado na mobilidade ferroviaria, polo que o alumnado desprazouse desde A Coruña ata Narón no tren de FEVE e recolleu datos en varios apeadoiros da liña. En total, indicaron, serán máis de cen alumnas e alumnos do Obradoiro do quinto cuadrimestre os que se encargarán de realizar unha serie de traballos cos que se aposta por reflexionar sobre a mobilidade urbana e interurbana e tamén se incide no seu potencial para conectar e rexenerar os tecidos urbáns da súa comarca, tal e como explicaron os docentes universitarios.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicoulles aos estudantes universitarios parte do traballo que se está a desenvolver en Narón en materia de mobilidade e accesibilidade e agradeceulles de antemán o feito de que nos vindeiros meses vaian a realizar traballos que poderán redundar en melloras para a cidade. Así mesmo, Ferreiro indicoulles que teñen á súa disposición a información que precisen para levar a cabo esta tarefa, na que colaborará persoal técnico da administración local.

“Todas as aportacións que nos realicen para contribuír á mellora da nosa cidade serán sempre benvidas, e valoramos tamén nesta ocasión o feito de que sexan precisamente alumnas e alumnos de Arquitectura e docentes universitarios os que vaian aportar a súa propia visión de numerosos aspectos deste concello”, subliñou a alcaldesa.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …