A praia de Doniños será o escenario perfecto para disputar, nesta fin de semana (sábado 29 e domingo 30) o terceira e decisiva proba, clasificatoria para a fase final da II edición da Superliga Siroko de Surf, unha proba absolutamente paritaria na competición e nos premios, na que se citan os 70 mellores surfistas (rapazas e rapaces) do Estado.
O alcalde, Jorge Suárez, o concelleiro de Deportes, Suso Basterrechea, daban conta hoxe dos detalles desta proba deportiva que, por primeira vez, se vai a celebrar no noso municipio e que leva aparalleda toda unha festa do surf que ocupará a praia de Ferrol, con música, foodtrucks e moitos atractivos mais para unha competición que promete ser todo un espectáculo de ondas e talento.
Suárez e Basterrechea daban conta hoxe en rolda de prensa, e polo miúdo, da competición xunto a Lucas Altamira, responsable da Liga Siroko, os surfistas Vicente Romero e Iolanda Rodríguez, e Iago Barreto, xerente de The Camp, que albergará a moitos dos competidores desta II Superliga.
Tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes, incidiron hoxe na presentación no compromiso do goberno local coa promoción do surf non só pola súa faceta deportiva, senón tamén de reclamo turístico para a comarca. Así é que mentres Basterrechea aseguraba que Ferrol está a consolidar a súa condición de “capital de surf” do Estado, o alcalde, se refería a Doniños como “lugar privilexiado” para a práctica desta modalidade e asegurou que o seu goberno sente “honrado” de que se elixiu á cidade para a cita decisiva deste novo pero xa prestixiosa proba.
“O surf transmite valores como o respecto á contorna e ao medioambiente ou o xogo limpo, sen agresividade, entre competidores e para nós é ademais unha aposta estratéxica para reforzar o vínculo entre turismo e deporte”, resumía o rexedor.
O alcalde lanzou o convite para que a veciñanza se achegue nesta fin de semana ate Doniños para ver un espectáculo deportivo para o que se prevén moi boas condicións meteorolóxica, con tempo solleiro e boas ondas, e a tomar parte nalgún do centenar de bautismos de surf que xestionará The Camp, tal e como explicou o seu xerente Iago Barreto, durante estes días.
Por último, o coordinador da Superliga Siroko, Lucas Altamira agradeceu durante a presentación o apoio do Concello á proposta, e afirmou que se trata dunha proba que reunirá en Doniños -“un emprazamento cunhas condicións impresionantes”, aseverou- a moitos de “os mellores ‘ riders’ do panorama nacional”, entre os que se atoparán os locais Yolanda Rodríguez Aneiros e Vicente Romeu, aos que desexou a mellor das sortes.
Altamira recalcou que esta competición aposta pola inclusión e a paridade total entre homes e mulleres tanto en deseño de cadros como en repartición de premios e avanzou ademais que na final, que terá lugar en Xixón, introducirase por primeira vez a modalidade de surf adaptado como previa á súa incorporación de pleno dereito na terceira edición da Superliga.
Segundo explicaron hoxe os responsables da organización, a segunda edición da Superliga Siroko creceu con respecto á súa estrea no 2017, cando se celebraron tres probas (Zarautz, Xixón- Salinas e Pantín) a catro esta tempada: Berria (Cantabria), Zarautz (País Vasco), Doniños (Galicia) e Xixón (Asturias).
Os gañadores de cada proba reciben unha gratificación económica de 2.000 euros; 1.000, os segundos; e 250 os dous terceiros de cada categoría. Os gañadores do torneo, que se determinarán en Xixón, serán recompensados con 6.000 euros cada un. En total, 33.000 euros (16.500 para cada categoría) en premios para os deportistas.
O torneo resolverase na xornada do domingo, na que tamén terá lugar a entrega de trofeos no mesmo areal. A competición poderá seguirse en directo a través da páxina da proba www.superligasiroko.com onde tamén pode conseguirse información sobre os horarios de ambas as xornadas, así como a lista de inscritos para esta cita de Doniños.
CEN BAUTISMOS DE SURF CON THE CAMP NA MAÑÁ DO SÁBADO E DOMINGO
The Camp quere colaborar na promoción do surf convidando a 100 veciños a probar sorte e facer un bautismo nas ondas coincidindo coa celebración da proba da II Superliga Siroko.
¿Como hai que facer para anotarse? Será para os 100 primeiros que se anoten nesta dirección de correo electrónico thecamp@thecamp.es. A xerencia do campamento remitirá a confirmación de praza nos bautismos aos 100 mais rápidos en remitir o correo. A maiores, todos os participantes terán que cubrir unha ficha cos seus datos e entregala no posto da escola de surf, na entrada da praia de Outeiro.
Os bautismos realizaranse do seguinte xeito, 50 o sábado e 50 mais na xornada do domingo 30 entre as 11:00 e as 13:00 horas da mañá. A escola aporta o material necesario e o seguro de Responsabilidade Civil para o desenvolvemento dunha actividade que está suxeita e condicionada a que as condicións do mar sexan óptimas para a iniciación.
O requisito é saber nadar con fluidez e no caso dos menores, ter asinada a autorización dos pais/titores. Na entrada do Concello, na Oficina de Atención a Cidadanía, tedes a vosa disposición deste esta tarde un modelo de inscrición que podedes recoller cando vos confirmen a praza entregar no posto este venres de 16 a 18:00 horas para formalizar a inscrición. Tamén podedes cubrilas no momento, no día do bautismo na hora e data que vos indique a organización.