O Concello de Narón e Asotrame convocan a “IV Carreira Solidaria” que se celebrará este domingo

Román Romero e Cristina Piñeiro na presentación – Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, Román Romero, e a presidenta da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea, Cristina Piñeiro, presentaron esta mañá a cuarta edición da Carreira Solidaria de Asotrame, que se celebrará o vindeiro domingo, día 23, na cidade. A media mañá case catrocentas persoas estaban inscritas nesta convocatoria, que inclúe ademais da carreira a opción de participar na modalidade de andarina, en ambos casos por un percorrido de cinco quilómetros para as categorías superiores –a de Pitufos é de 100 metros e as de Escolares dun quilómetro e quilómetro e medio-. As persoas que desexen anotarse poden facelo ata o vindeiro xoves, día 20 ás 23.59 horas, a través da páxina web: www.carreirasgalegas.com. O prezo é de 8 euros para as categorías de Sub 18-20 a Máster C e de 2 euros para as de Pitufos e Escolares.

O edil de Deportes asegurou que “é un pracer presentar a cuarta edición deste evento, que naceu parello á miña etapa como concelleiro de Deportes da cidade”. Romero animou á xente a participar nesta convocatoria “activamente apuntándose na carreira ou na andaina ou tamén animando desde as beirarrúas do tramo aos que participen”.

Pola súa parte, Cristina Piñeiro agradeceu a colaboración do Concello e tamén a dos patrocinadores e voluntarios neste evento. “Cada ano consolídase con máis peso, polo que queremos animar á xente a que participe, ben na carreira ou na camiñata”, insistiu.

Trátase dunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo, á que poden acudir atletas que estean ou non federados. Os participantes, indicou Piñeiro, sairán ás 11.00 do pavillón polideportivo da Gándara, donde tamén será o punto de chegada. A retirada de dorsais será o 22 de setembro de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 en Decathlon Ferrol e o propio día da carreira nas inmediacións do polideportivo da Gándara, ata unha hora antes do inicio das probas. Os participantes recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa, según se indicou desde a organización.

As persoas que non poidan acudir e desexen colaborar cos proxectos que a asociación Asotrame ten en marcha poden facelo a través do Dorsal 0 realizando donativos.

Lea también

Abierta la presentación de ofertas en FIMO Ferrol, para la ciudad del deporte

Hasta el próximo 29 de julio se pueden presentar las ofertas para las mejoras en …