O BNG pregunta á Xunta sobre o menor de Narón que está a sufrir acoso escolar

O grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar na Cámara unha batería de preguntas á Xunta de Galiza sobre a situación de desamparo na que se atopa un menor de idade de Narón que está a sufrir acoso escolar, como recoñece unha sentenza do xulgado de Ferrol que se fixo pública o pasado 17 de xullo e que recolleron os medios de comunicación nos últimos días.

O grupo nacionalista lembra que a sentenza condena á Xunta a indemnizar con 3.000 euros á familia do rapaz por non adoptar as medidas suficientes “para garantir a súa protección integral”. A vítima, que hoxe ten 16 anos, leva desde os 11 padecendo esta situación de acoso por parte dalgúns compañeiros de curso. Con todo, e malia a sentenza, os pais do menor teñen denunciado nos últimos días que o seu fillo compartirá aula cos seus acosadores nalgunhas materias.

O BNG lembra que a Xunta, a través da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, aprobou a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar en 2011, que desenvolveu posteriormente a través do decreto 8/2015. Este marco normativo prevé medidas para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar que deben ser implementadas nos centros escolares, entre elas un protocolo que debe ser incluído no Plan de Convivencia dos centros.

Na pregunta, o grupo parlamentar solicítalle á Xunta unha valoración sobre a sentenza condenatoria do 17 de xullo e unha análise para “determinar que fallou” neste caso. Asimesmo, interésase por se vai introducir mudanzas “nas medidas que até o momento rexen na prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar” e pola decisión de permitir que acosadores e vítimas compartan determinadas aulas. Do mesmo xeito, o BNG interpela á Xunta por se ten pensado atender a demanda da familia do menor que pide a adaptación de medidas cautelares para evitar que se produzan novas agresións

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …