Miriam Casillas non puido terminar a Copa do Mundo de Karlovy Vary ao atoparse cunha deda inchada que lle impediu correr.
A pacense do Triatlón Ferrol nadou entre as mellores da proba checa e xa nos quilómetros iniciais do ciclismo, rodando no pelotón de cabeza, chegou o primeiro contratempo. A alemá Lindermann caeu xusto diante de Miriam Casillas, arrastrando a estremeña aínda que puido poñerse en pé rapidamente para enganchar de novo coas líderes.
Ao chegar á segunda transición, entre unha ducia de triatletas, Miriam Casillas tivo problemas para poñerse as zapatillas e ás poucas zancadas deuse de conta de que non sentía unha deda. A olímpica de Badaxoz tivo que retirarse e está á espera de poder facer unha radiografía que descarte a rotura.
Campionato de España de grupos de idade
O Triatlón Ferrol rematou o campionato de España da Coruña cun 16º posto de Pablo Pedrosa –na categoría de 20-24 anos-, 29º de Borja Catrufo e 41º de Ricardo Fernández -25-29-, 27º de Luis Rilo e a retirada de Gonzalo Jiménez -35-39-, 29º de Marcos Caneiro, 32º de Héctor Mera, 43º Pablo Sanjurjo e 45º de Juan Díaz, -40-44-, 30º de José María Eiroa -45-49- e 14º de Manu Pita -50-54-.