O concelleiro de Deportes, Román Romero, acompañado polo presidente do Club Pasa ou Entorna, Manuel Fernández, así como dos vocais do mesmo, Xurxo Gómez e Roberto Barral, presentaron esta mañá a primeira edición da Carreira Nocturna Cidade de Narón que terá lugar este sábado, 18 de agosto, ás 21:30 horas con saída e chegada na Praza de Galicia.
A proba discorrerá por diversas rúas da zona urbana de Narón cun percorrido de 7 quilómetros. Román Romero salientou a importancia de que xurdan novas probas deportivas dentro do Concello o que indica a vitalidade do deporte naronés e agradeceu o labor levado acabo polo Club Pasa ou Entorna para sacar adiante este evento.
Pola súa parte, o presidente da entidade agradeceu a colaboración que dende o primeiro momento tiveron dende o Concello para poder poñer en marcha esta proba deportiva á que por suposto queren dar continuidade en vindeiro anos. Tamén salientou que a idea de facer a carreira nocturna foi unha iniciativa que lles pareceu interesante debido ao tempo no que estamos e ás temperaturas diurnas que nestas datas se poden alcanzar, ademais de ofrecer a corredores e espectadores unha tipo de carreira diferente.
No apartado de participantes, dende o Club indicaron que a día de hoxe hai inscritas máis de 240 persoas, e agardan sobrepasar as 300 antes de que remate o prazo de inscrición o vindeiro día 15 de agosto.
Os premios desta proba distribúense en ata 4 categorías nas súas modalidades masculina e feminina. Ademais haberá un premio ao club máis numeroso e un premio xeral de clubs.
Por último, o concelleiro de Deportes animou aos veciños e veciñas de Narón a desfrutar desta nova proba deportiva que terá lugar polas rúas da cidade.