O Concello de Narón e a Asociación Cultural Impact organizan unha nova edición do Impact Weekend Narón, que se desenvolverá esta fin de semana, os días 27, 28 e 29 de xullo, no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía. A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, explicou que se trata “dunha proposta de ocio alternativo con diferentes actividades para toda a familia, con sorpresas para as nenas e nenos e na que colaboran tamén diferentes asocacións da comarca”. O evento iniciarase o vindeiro venres pola tarde e continuará o sábado e o domingo en horario de mañá e tarde, tal e como apuntou a edil naronesa.
Venres, 27
Desde a Asociación Cultural Impact, o seu presidente, Antonio Adalid, explicou que a partir das 16.30 horas terán lugar os torneos de Magic the Gatering (Modern e Legacy) e durante toda a tarde os de Trials Legacy para o Impact Returns Legacy do sábado.
Sábado, 28
O día 28 a programación comezará ás 9.30 horas co Torneo Legacy Impact Returns e Magic the Gatering, para continuar cunha exposición de consolas e xogos Retro que se poderán probar, a cargo da Asociación RetroGalaicos, a partir das 12.00 horas.
Xa pola tarde serán os torneos Magic the Gatering, Legacy e Modern e tamén os de Trials Modern a partir das 16.30 terá lugar un torneo de Tetris, con Retro Galaicos. Durante a tarde do sábado haberá tamén un espazo para personalización de chapas, coa Asociación Gaikai (cultura asiática), entre as 16.30 e as 21.00 horas e durante todo o día, tanto o sábado como o domingo, obradoiros de Hama Beads e de iniciación a Magic the Gatering.
Domingo,29
O último día, o domingo 29, abrirá a xornada ás 9.30 horas co Torneo Modern Impact Returns, Magic the Gatering e continuará cunha exposición Retro ás 12.00; torneos Magic the Gatering, Legacy e Modern ou doutros formatos a partir das 16.30; e, a través da Asociación Gaikai, tres bingos Xincana a partir das 17.00 horas.
A maiores tamén se desprazarán ao pavillón Campo da Serra as cosplayers Florencia SoFen e Danny Warchief, que xunto con varios Youtubers nacionais se achegarán a Narón para amenizar o Impact Weekend Narón.
O presidente da Asociación Cultural Impact, Antonio Adalid, avanzou que na actualidade están preinscritas preto de 250 persoas, se ben recordou que poderán inscribirse os propios días do evento no pavillón Campo da Serra ou ata mañá na propia web da Asociación Cultural Impact -https://asociacionculturalimpact.weebly.com- ou chamando ao número de teléfono: 646 341 699.
A concelleira de Cultura animou a acudir a este evento para poder desfrutar de tódalas propostas que alí se ofrecerán tanto á veciñanza da cidade como aos visitantes que procedan doutros concellos.