A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse na mañá deste luns ata Piñeiros con motivo do inicio das obras do novo parque infantil que se localizará na parroquia. As instalacións están ubicadas nas inmediacións da igrexa de Piñeiros e suporán un desembolso de preto de 40.000 euros, tal e como recordou a alcaldesa.
As obras a executar nos vindeiros meses –o prazo de execución é de tres- contemplan a maiores a renovación da totalidade dos elementos biosaudables que xa estaban instalados na zona. Xunto aos elementos biosaudables localizarase o novo parque, que ofrecerá, en conxunto, unha zona de lecer de máis de 250 metros cadrados á veciñanza. Unha zona multixogo, unha de columpios e unha rede trepadora pasarán a incrementar nuns meses a oferta de lecer na parroquia de Piñeiros, dando así cumprimento desde o goberno local a unha petición realizada polas veciñas e veciños que residen na zona e pola Asociación Veciñal.
Os nenos e nenas maiores de tres anos poderán desfrutar dentro dunhas semanas xogando nas dúas torres con cuberta e no tobogán que levará a zona multixogos, cunha capacidade total para corenta menores. Así mesmo, aqueles que teñan ata 14 anos poderán facer uso do columpio mixto –cun asento con cueiro e outro plano- que se instalarán na zona de xogo e os maiores de tres anos tamén da rede trepadora fixa que se colocará no novo parque, con capacidade esta última para unha decena de nenas e nenos.
No que respecta aos elementos do parque biosaudable, un total de sete, asentaranse sobre chan de madeira tratada, mentres que a zona de xogo infantil terá un chan de caucho. Toda a zona de lecer –a biosaudable e a infantil- estará vallada, tal e como indicou o edil de Servizos.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, asegurou que “esta intervención na parroquia permitiranos mellorar e ofrecer novos servizos aos preto de sete mil veciños e veciñas que residen actualmente en Piñeiros, completando así a oferta de ocio da nosa cidade, que se ampliou con outras instalacións similares como o novo parque que hai uns días se remataba nas inmediacións do tanque de tormentas da Gándara, no que se investiron uns 15.000 euros”. A rexedora local subliñou “a importancia da colaboración entre as administracións para aunar esforzos e ofrecer novos servizos á veciñanza, como neste caso se fixo coa Deputación da Coruña e que nos permite ampliar as zonas de ocio infantil na cidade cun investimento conxunto duns 55.000 euros”