O Parque do Río Freixeiro acollerá este venres a primeira xornada do Mercado Medieval organizado polo Concello de Narón

Fot. arch.

O Mercado Medieval de Narón abrirá este venres a partir das 18.00 horas no Parque do Río Freixeiro para continuar o sábado e o domingo cunha gran variedade de propostas dirixidas a todos os públicos.

Venres

Cun pasarrúas a cargo da formación de música folk Treefolk, ás 18.30 horas, arrancará a programación da fin de semana que inclúe tamén o primeiro día espectáculos con personaxes fantásticos –Human no Limits-, visitas de trasgos, unha roda humana –tamén a cargo de Human no Limits- e un espectáculo aéreo e de lume para despedir a noite do venres. A esta oferta, tal e como recordou a concelleira de Festas e Mercados, Mar Gómez, súmanse un centenar de postos que se instalarán na zona e nos que se ofrecerán produtos gastronómicos, artesanía (con demostracións en vivo), e artículos ornamentais, entre outros.

Sábado

Na xornada do sábado o Mercado Medieval poderá visitarse a partir das 11.00 horas e de novo o grupo Treefolk amenizará a mañá cun pasarrúas. Haberá tamén espectáculos acrobáticos e piruetas, visita de faunos, propostas para o público infantil, xogos de habilidade e outros espectáculos ata o mediodía. Pola tarde abrirá a partir das 18.00 horas e de novo regresarán ao Parque do Río Freixeiro a música, os espectáculos con figuras humanas, e outros aéreos e de lume, as acrobacias e piruetas e algunhas representacións propias da época do medievo.

Domingo

A última xornada do Mercado Medieval será o domingo, cando tamén poderá visitarse en horario de mañá e tarde, desde as 11.00 e a partir das 18.00, e cunha gran variedade de propostas musicais, de trasgos, xogos de habilidade, e outras pensadas para público familiar e infantil.

Desde o Concello animouse á veciñanza de Narón a desfrutar da programación do Mercado Medieval, convidando tamén á xente doutras localidades a achegarse entre mañá e o domingo ao Parque do Río Freixeiro para ver os espectáculos que se sucederán na zona e tamén os produtos que se venderán e poderán degustar nos postos instalados nesta nova edición do Mercado Medieval.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …