Presentada a XX Alteada de Xuvia, en Narón. Unha cita para o vindeiro 22 de xullo

Os concelleiros de Festas e Promoción Económica, Mar Gómez e Pablo Villamar, respectivamente, presentaron na mañá deste luns xunto co presidente da AVV Altea de Xuvia, Ramón Rodríguez, e o secretario da entidade, Antonio Rey, a vixésima edición da Alteada, da que se conmemora este ano a segunda edición da Festa de exaltación da ameixa rubia. A cita será o vindeiro 22 de xullo no paseo marítimo de Xuvia e os tickets están xa á venda –ata o 19 de xullo- no local social da citada AVV, de luns a venres, de 9.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O menú será a base de ameixa rubia á mariñeira, paella, sobremesa e bebidas a prezos populares, e tamén haberá música en vivo.

O presidente da AVV Altea recordou que esta festividade se iniciou hai vinte anos nunha carballeira xunto ao paseo marítimo de Xuvia cunha mexillonada, a modo lúdico-reivindicativo para denunciar o estado no que se atopaba a ría. “Afortunadamente agora vemos que a situación mellorou e a ría non ten o mal olor de hai dous anos e comeza a recuperarse, nacendo marmulos e xebra nas beiras…”, asegurou. Ramón Rodríguez, que agradeceu a colaboración do Concello para organizar este evento gastronómico e tamén a prestada desde a Confraría de Pescadores de Barallobre, que subministrará a ameixa rubia para a Alteada.

O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, destacou tamén a consolidación desta festa gastronómica na parroquia de Xuvia. “Convertiuse nun punto de encontro donde ademais da AVV participa o Concello e está moi ligada á ría e aos seus produtos. Este é o segundo ano no que se cociñará ameixa rubia, grazas á colaboración da Confraría de Pescadores de Barallobre”. O edil valorou os resultados desta convocatoria e amosou a súa confianza en que continúe celebrándose moitos anos máis “promocionando o Concello e os produtos da ría, a través do Club Narón Gastronómico, o que é un motivo máis para que a xente nos visite e coma ben”.

Os edís naroneses e os representantes da AVV animaron á cidadanía de Narón e doutros concellos a acudir á Alteada, para poder desfrutar dunha xornada gastronómica degustando produtos da ría.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …