O Concello de Narón acolleu o acto de recepción a seis menores de Chernóbil que pasarán o verán en Narón e Ferrol

O Concello de Narón acolleu na mañá deste venreso acto de recepción oficial a seis menores (catro nenas e dous nenos) procedentes de Chernóbil e que pasarán o verán en Narón. Xunto coas súas familias de acollida desprazáronse ao Consistorio, donde os recibiron a edil de Acción Social, Catalina García, e os tamén edís Guillermo Sánchez Fojo e Teresa Sabio. Os representantes do goberno local desculparon a ausencia da alcaldesa, Marián Ferreiro, que non puido estar presente neste acto pero que transmitiu a través dos tres concelleiros a benvida aos nenos e nenas, aos que lles desexou unha moi boa estadía na cidade.

Os menores, de entre 8 e 14 anos permanecerán coas súas familias de acollida ata o vindeiro 30 de agosto. Catro quedarán en Narón e os outros dous estarán en Ferrol, tal e como indicou García, que recordou que este é o quinto ano no que se desenvolve este programa, en colaboración coa ONG Ledicia Cativa. O Concello de Narón mantén un convenio con esta entidade por un importe de 2.500 euros para colaborar nos desprazamentos dos rapaces e rapazas.

Os edís naroneses deron a benvida aos participantes neste programa e animáronos a coñecer a cidade e tamén a desfutar dos eventos que se celebrarán nas vindeiras semanas en diferentes espazos públicos. Antes de rematar o acto, entregáronlles uns agasallos, entre eles unha mochila e un vale de 60 euros para adquirir material deportivo nun establecemento da localidade. Finalmente, todos eles realizaron unha fotografía de familia, a modo de recordo desta recepción no Concello.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …