O Centro Torrente Ballester acolle unha mostra retrospectiva do Premio Máximo Ramos

«Ante a dúbida» de Santiago Jiménez, Premio Máximo Ramos – Concello de Ferrol

Este ano 2018, celebramos o 25 aniversario do Premio Máximo Ramos, que comezou como premio de gravado e foi evolucionando para poder dar cabida ás novas tendencias da obra gráfica actual, un premio moi reputado –dotado con 7.000 euros- e moi valorado internacionalmente ao que este ano concorreron 130 artistas de todo o globo.

Coincidindo coa exposición das 33 obras finalistas desta edición, o Concello de Ferrol organiza unha mostra paralela no Centro Torrente Ballester. Unha mostra na que se pode comprobar que vinte e catro edicións deste premio, referente non só en Galicia senón tamén recoñecido internacionalmente, dan para moito, na acumulación de talento e calidade artística de tódalas partes do mundo.

A través desta exposición, condensada en 23 obras, poderemos apreciar tódalas artes gráficas actuais, dende o gravado xilográfico, litográfico ou a serigrafía, a propostas máis actuais como a fotografía dixital editada ou a instalación. As vinte e tres obras que a compoñen foron todas elas obras gañadoras e accésits das edicións anteriores, o que tamén nos permite, como espectadores, apreciar a evolución do premio, das obras presentadas dende os seus inicios a ata a actualidade.

Desde o Goberno local, particularmente desde a área de Cultura, teñen a teima de dar a coñecer os fondos artísticos que compoñen e integran o patrimonio municipal que é o de todos os ferroláns. “Entendemos que é unha responsabilidade e unha obriga, pola nosa parte, sacar este patrimonio dos arquivos e dar a coñecer estes fondos artísticos que son patrimonio dos ferroláns. Trátase, en suma, de poñer en valor o patrimonio artístico e cultural de toda a cidade, así coma o seu desfrute, como ferramenta de crecemento colectivo”, manifestou o concelleiro, Suso Basterrechea, que abrirá a mostra este venres 29 as 19:00 horas.

Lea también

O COAG Ferrol inaugura en Ferrol unha exposición dos carteis que Felipe Peña deseñou para as actividades culturais da Escola de Arquitectura da Coruña

Inaugurarase este xoves, ás 19 horas, no Centro Cultural Torrente Ballester e poderase visitar ata …